VILABOA INCORPORA A CANTEIRA DE PAREDES AO INVENTARIO MUNICIPAL A TRAVÉS DUN CONVENIO COS COMUNEIROS

O Concello de Vilaboa agradece a cesión e comprométese a adaptar esta parcela, de 49.847 metros cadrados, nun espazo multideportivo.

Vilaboa, 27 de xaneiro de 2025.-

O Concello de Vilaboa vén de acordar coa Comunidade de Montes de Vilaboa a cesión indefinida do chamado Monte da Raposeira, no que se atopa a Canteira de Paredes. Trátase de dúas parcelas que en conxunto suman 49.847 metros cadrados que pasan a mans do Concello para dedicarse a actividades deportivas e ocupación do tempo libre.

O contido do convenio recolle o compromiso do Concello a manter en bo estado tanto os terreos como as edificacións que se constrúan neles, así como a redacción dun proxecto para a posta en valor de todo o entorno. Este proxecto, entre outras cousas, deberá incluír o peche de todo o perímetro da parcela cedida, así como o aproveitamento das paredes da antiga canteira como zona de escalada e practica do montañismo e outras actividades deportivas e de lecer o aire libre adecuadas o entorno.

O convenio, asinado polo presidente da Comunidade de Montes, José Luis López García, e o alcalde de Vilaboa, César Poza, reserva un local na Casa de Cultura para os comuneiros e o compromiso municipal da reforma do pórche da entrada de dita casa e a mellora do sistema de desaugue da lagoa.

A incorporación destes terreos ao inventario municipal permite ao goberno local avanzar no seu proxecto de desenvolvemento integral para Vilaboa que inclúe o acondicionamento de catro grandes áreas recreativas para o municipio situadas en Figueirido, A Canteira de Paredes, Riomaior e a Praza do Concello no Toural. Trátase de grandes espazos públicos abertos,  orientados o lecer e a actividades deportivas e de tempo libre, que se complementan entre si e o mesmo tempo favorezan o encontro social e a dinamización entre as parroquias.

Así o parque de Figueirido contará entre outras cousas cun auditorio ao aire libre ou unha pista multideporte; a inminente reforma do parque de Riomaior dotará este espazo de elementos e xogos para todas as idades destacando unha grada cuberta entre a pista de tenis e futura pista multideporte; a Canteira será unha gran zona verde con actividades encaradas ao deporte e tempo libre no que destaca unha pista de pumptrack e a futura Praza do Concello será un punto de encontro sobre o que pivote a gran transformación que o concello necesita, onde arranque o futuro núcleo de centralidade de Vilaboa.

“O esforzo que estamos a facer por transformar Vilaboa e dotala de servicios é enorme, unha labor complexa por iso agradecemos moito a axuda e a boa disposición da Comunidade de Montes, especialmente do presidente Jose Luis López e da xunta directiva, sempre abertos a chegar a acordos e que nos vai permitir actuar sobre a Canteira de Paredes e acondicionar ese entorno para desfrute de toda a cidadanía”, conclúe César Poza.