RUTA DOS MUIÑOS DE RÍO MAIOR

Restaurados e postos en valor, un conxunto de muiños tradicionais (muiños de cubo), xunto cos antigos pasos e sendeiros de comunicación, están para ser visitados no Rego do Portiño, fronteira natural entre Santa Cristina de Cobres e San adrián de Cobres.

A “senda verde”, perfectamente delimitada, guíanos por unha paisaxe maxestuosa, a ámbolos lados do Río, percorrendo un total de 15 muiños.

O lugar onde se atopan os muíños posúe unha excepcional topografía, pola que discorre o Río Maior, que deixa nas súas marxes unha gran cantidade de muíños que antigamente servían como sistema de moenda de cereais como avea, centeo e sobre todo millo.

No transcurso do río, este forma unha fermosa fervenza, coñecida como Fervenza de Tras do Río, e outras máis pequenas con gran encanto natural (ó inicio e o final do percorrido).

Ó longo de sendeiro visítase un conxunto de 35 muíños, que se sitúan esparcidos por amba-las beiras do río. Estes muíños abastécense polo sistema de canle, que aínda se conserva hoxe en día. Algúns deles son privados, ós que non se permite o acceso, e outros son muíños de herdeiros.

O sendeiro proposto é un Sendeíro de Pequeno Percorrido (PR-G), o cal transcorre por cada un destes muíños, comezando na casa da cultura de Río Maior, onde se atopa o primeiro muíño e remata no lugar de Bartáns, no muíño de Miguel Lois.

Un conxunto de trinta e cinco muíños, os cales conservan os muros de pedra, as rodas, os tremiñados e os sistemas de captación de auga (neste conxunto de muíños existen dous tipos: o tradicional sistema de canle e o de cubo, aínda que a maior parte deles ten o sistema de canle).

Este percorrido foi o resultado dun Obradoiro de Emprego no ano 2006 ,no que se rehabilitaron por un lado de 14 dos 30 muiños que se atoparon ó longo do río Maior e o acondicionamento da senda que os percorre na súa totalidade.

O punto de “arranque” , está situado no inicio da senda.
Para chegar a ela, temos que coller a N-554, ata Riomaior ( é doado situarse porque hai unha gran ponte da autopista a beira da carretara), e dende ahí, seguir pola carrretara da Cardiña – Paradellas seguindo o mapa seguinte:

Posición GPS: 42.33052, -8.67044

O “Sendeiro dos muíños de Riomaior” atópase no límite entre as parroquias de Santa Cristina e San Adrián de Cobres.

Para chegar a este punto, dende Pontevedra collemos a N-555, dirección a Vigo. Á altura de Vilaboa temos que coller a N-554. Ó chegar á altura de Riomaior, collemos unha pista asfaltada de novo á man dereita que nos leva á casa da cultura deste lugar, o inicio do sendeiro

Funcionamento dos muiños de canle.

Esquema dun muiño de canle
1- Moega
2- Capa
3- Pé
4- Vara
5- Pexadoiro
6- Rodicio
7- Pau do Aliviadoiro
8- Pau da Porca
9- Cubo

Ampliar información...

Os muíños son construccións de pedras pequenas cubertas de tella, xeralmente cadradas, que se dividen en dúas prantas; tremiñano (parte superior) e o inferno (parte inferior).

Localízanse nas beiras dos ríos para aproveitar o seu caudal e trasladar a auga o muíño. Hai dous sistemas de aproveitamento que afectan a súa arquitectura: muíño de canle ou de cubo.

Os de canle, a auga accede a bodega por un canal de pedra máis estreito e profundo canto máis se achega as penas do rodicio precipitándose con forza. Este sistema acostuma a instalarse en ríos de caudal aceptable ou nos tramos medios e baixos dos regatos. (Os de cubo precisan dun almacenamento previo da auga e dunha saída abocada dun chorro que faga que supla a carencia do caudal regular).

En canto ós tipos de fariña, unha vez cargada a muega e botado a andar, o gordo da fariña regulábase na cruceta e na caída da quenlla: levantando a moa a fariña saía máis viva e baixándoa máis muda. Tiñamos varios tipos de calidades: o óleo, fariña que cae arrende o pé, moi fina e que servía de papas para os nenos; logo a fariña propiamente dita; o farelo, máis lonxe do pé, fariña brava con carapas do gran de millo; o picón, grans machucados.

Os muíños son construccións de pedras pequenas cubertas de tella, xeralmente cadradas, que se dividen en dúas prantas; tremiñano (parte superior) e o inferno (parte inferior).

Localízanse nas beiras dos ríos para aproveitar o seu caudal e trasladar a auga o muíño. Hai dous sistemas de aproveitamento que afectan a súa arquitectura: muíño de canle ou de cubo.

Os de canle, a auga accede a bodega por un canal de pedra máis estreito e profundo canto máis se achega as penas do rodicio precipitándose con forza. Este sistema acostuma a instalarse en ríos de caudal aceptable ou nos tramos medios e baixos dos regatos. (Os de cubo precisan dun almacenamento previo da auga e dunha saída abocada dun chorro que faga que supla a carencia do caudal regular).

En canto ós tipos de fariña, unha vez cargada a muega e botado a andar, o gordo da fariña regulábase na cruceta e na caída da quenlla: levantando a moa a fariña saía máis viva e baixándoa máis muda. Tiñamos varios tipos de calidades: o óleo, fariña que cae arrende o pé, moi fina e que servía de papas para os nenos; logo a fariña propiamente dita; o farelo, máis lonxe do pé, fariña brava con carapas do gran de millo; o picón, grans machucados.

A saída da auga do cubo estaba regulada pola sateira, conxunto de táboas de madeira que atoaban ou ceibaban a auga e podían manipularse dende o interior.

En relación cos aparellos para o gran, todos eles de madeira, está a trabe ou viga principal que sustenta o tellado do muíño; os paos de muega, dous listóns paralelos sostidos por un terceiro pendurado do teito nun dos extremos e co outro situado nunha das paredes do tronzo, sosteñen a modo de corredor regulable a muega ou caixón de madeira, con forma de tronco piramidal ou de funil onde se bota o millo, trigo ou centeo que se quere moer. A quenlla, canaliño de pao con forma de medio tubo, conduce o millo dende a muega ó ollo do muíño. Pendurado da moega está o cacarexo ou palitroque que finca na moa abaneando a quenlla provocando a caída do gran.

Pasando ó sistema de trituración do gran temos o pé, cilindro de pedra posto no centro do tremiñado que serve de base fixa para moer o cereal; sobre el está a moa, roda de pedra de forma cócavo-convexa que fricciona por rotación ó gran.

Segundo o tipo de cereal ó que estivese destinado primordialmente o muíño, a pedra da moa varía: as pedras negras ou do país son as máis estendidas entre nós, empregadas na moenda do millo; pero tamén están as albeiras ou brancas, destinadas ó trigo e centeo, pedras máis brandas. A súa existencia dá nome ós muíños albeiros.

O ollo da moa, situado na parte central, pode ser resaltado se presenta o borde remarcado na pedra a modo de beizo, que axuda a impedir que o gran salte fóra como consecuencia das vibracións efectuadas polo cacarexo. Pola parte interior presenta un escave, dependendo onde se agarra a sigurella que vén da adega. Entre a moa e máis o pé axustábase unha peza de madeira chamada buxa, feita de madeira deste pao, de forma circular cun burato no seu centro para deixar pasar a sigurella, ten unha dobre función: centrar o eixo da bodega e impedir que por este orificio caia o gran ó río. A madeira de buxo permitía resistir a temperatura que alcanzaba provocada pola fricción, sen arder nin consumirse.

Os dous niveis que definen o muíño son: o tremiñado, espacio limitado do piso do muíño onde cae a fariña, hai quen por extensión lle chama a todo o piso; pero a súa acepción estricta está delimitado polo tabique separador de pedra que ten por misión impedir que a fariña saia esparexida. Delimita a zona de moer propiamente dita dos espacios de estancia e convivencia do muíño e mesmo serve de improvisado catre arrimándolle un armazón de paos para tal efecto. Logo está a bodega, que vén sendo a cavidade baixo o piso, totalmente aberta que acolle o sistema de propulsión hidráulico e nela atópase o reducio: roda inicialmente de pao dentada de pequenas palas que abrazan como culleres a auga precedente da canle ou sateira, dependendo dos casos coñecidas como penas do reducio, e que posibilitan o movemento horizontal da roda ó bater nelas o chorro propulsor da auga.

O reducio é todo o conxunto que forma o eixo. O eixo vai centrado e basculante enriba dunha peza de madeira chamada arrieiro l asentado no chan da bodega. Isto conséguese gracias á existencia de dúas pezas apenas visibles dende o exterior chamadas grilos, especie de aguillóns de ferro incrustado no arrieiro e no remate da vara do reducio, que é o que permite suspender centradamente todo o sistema mecánico. Antigamente eran simples croios do propio río adaptados. O grilo incrustado no arrieiro recibe tamén o nome de obradoiro

O eixo ou sistema de transmisión da forza consta das seguintes partes:
A vara do reducio, ou pao tronco cónico que incrusta no reducio con caras hexagonais e únese ó arrieiro polos grilos, comunicando este co lovete, pao circular que forma a parte central do eixo e que dá o testigo á sigurella, peza de ferro que atravesando o pé do muíño por un orificio chamado sésigas, máis a buxa, incrusta nos escabes da moa suspendéndoa para que poida xirar. O amarrado das tres pezas, lovete coa vara do reducio máis a sigurella efectúase mediante argolas ou sunchos, aros de ferro a medida que apertan centrada e encaixadamente as xuntas. Estes sunchos facíanse no ferreiro soldadas “a caldea”, procedemento este de poñelos a altas temperaturas para a súa unión co posterior enfriamento, sen necesidade de remaches.

Todo o sistema mecánico descrito compleméntase co seu control dende o remuiñado mediante a cruceta, pao que sobe directamente dende o lateral do arrieiro co que conexiona o tremiñado. É aquí onde se controla a baixada e a subida do reducio que á súa vez sobe ou baixa a moa, mediante cuñas que aportan a altura precisa.

A cruceta recibe este nome pola figura de cruz que representa no tremiñado co cruce transversal do pao no que apoian as cuñas. Dado o peso do que se trata, para levantar ou baixar a cruceta mediante cuñas apaláncase con outro pao ó efecto chamado calcadoiro. O mesmo pao servía ás veces para calcar no millo da muega e desatragantar a saída.

Aparellos secundarios da estructura:
O pousadoiro, pedra situada á porta do muíño para axudar a levar á cabeza ou ó lombo os sacos de millo ou fariña; o banco do burro, cabalete de pao de catro patas para soster a moa cando se baixa para picala; a pa, que provista dun rabo longo era utilizada par botar a auga dentro ou fóra da canle dende o interior do muíño.

GALERÍA FOTOGRÁFICA

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentemento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche o enlace para maior información. // Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies