Os traballos consistirán en asfaltados, incorporación de sobreanchos e medidas de seguridade viaria coa instalación de redutores de velocidade.
Vilaboa, 2 de abril 2025.-
O Concello de Vilaboa comezará en breve os traballos da primeira fase da humanización de Barciela, en Santa Cristina de Cobres, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria polo que en varios tramos incorporaranse sobreanchos á calzada, gañando espazo tanto para a circulación como para o tránsito seguro de peóns.
A actuación levarase a cargo dentro do Plan Máis Provincia e permitirá mellorar a capa de rodadura e incrementar a seguridade viaria con redutores de velocidade nos puntos nos que se considere necesario. A empresa adxudicataria procederá á demolición dos pavimentos actuais para realizar unha limpeza mecánica e manual das cunetas, procedendo despois á aplicación de aglomerado en quente e ó realce das tapas de rexistro en calzada mediante dado de formigón. A actuación inclúe o acondicionamento do punto de entronque dun camiño municipal coa N-554, coa sustitución da capa de rodadura con aglomerado en quente e sinalización horizontal e vertical, igual que no resto do trazado.
Un tratamento similar darase ao camiño municipal que transcorre sobre a AP-9, no que se fresará toda a capa de rodadura existente, cun avanzado estado de deterioro, e sustituirase por aglomerado en quente.
Ás medidas de calmado de tráfico que garantan a seguridade das persoas residentes neste entorno nos seus desprazamentos a pé, hai que engadir un tratamento axeitado das augas pluviais garantindo unha canalización que evite danos futuros sobre o firme.