O CONCELLO DE VILABOA PECHA AS CONTAS DE 2024 CUN REMANENTE DE 2,4 MILLÓNS DE EUROS

As partidas para investimentos superaron os 2 millóns, o que supón un incremento do 68% con respecto ao ano anterior.

Vilaboa, 5 abril 2025.

O Concello de Vilaboa deu luz verde na última sesión plenaria á liquidación do orzamento de 2024 que reflexa a excelente saúde económica das arcas municipais, cun Remanente de Tesourería de 2.474.193,34 euro, que o goberno local destinará a diferentes proxectos urxentes para Vilaboa. Pecha así o ano cumprindo cos principais parámetros fiscais no que se refire á estabilidade orzamentaria, regra de gasto e débeda pública. A ausencia total de endebedamento por parte do Concello de Vilaboa demostran a súa solvencia e estabilidade orzamentaria que se demostra no pago puntual a proveedores, un parámetro do que o goberno local se amosa especialmente satisfeito.

“Despois das obras executadas o ano pasado e das actuacións que xa temos en marcha neste primeiro trimestre de 2025, o remanente de tesourería é a evidencia dunha xestión responsable e sostible e unha garantía de seguridade no que a cumprimento da folla de ruta marcada ao inicio da tempada se refire”, explica César Poza. A solvencia financieira de Vilaboa permitiu ao goberno local incrementar no 2024 os investimentos un 68,55% con respecto ao exercicio anterior, superando os dous millóns de euros. E todo elo cun orzamento de 4,22 millóns de euros e que acadou os 5,74 de execución orzamentaria.

“Rematamos o ano 2024 con débeda cero, cunha previsión de gastos e ingresos moi axustada á realidade e unha execución orzamentaria moi eficiente. Estamos satisfeitos con este resultado sobre todo porque nos da marxe para seguir investindo e avanzando cara ese proxecto de desenvolvemento que temos para Vilaboa e que nos permite ter en marcha agora mesmo diferentes áreas de esparcemento descentralizadas e seguir avanzando na dotación de servizos básicos como é a extensión da rede de saneamento e a mellora da rede viaria”, conclúe César Poza.