Concello de Vilaboa

HEMEROTECA DE NOTAS PRENSA 2026

VILABOA ACOLLE A PRESENTACIÓN DE “O PAZO DAS MARISMAS”, NOVELA FINALISTA DO PREMIO XERAIS 2025

O acto terá lugar o día 18 de xuño na Casa de Cultura de Riomaior.

Vilaboa,  2  de xuño de 2026. – A Casa da Cultura de Río Maior, en Cobres (Vilaboa), será o escenario o vindeiro 18 de xuño, ás 20.00 horas, da presentación de O Pazo das Marismas, a obra coa que o escritor Alberte Blanco Casal acadou a condición de finalista do Premio Xerais de Novela 2025, un dos galardóns literarios máis recoñecidos do país.

O acto contará coa participación da filóloga e profesora de ensino secundario Noa Blanco Rodríguez, que acompañará o autor nun diálogo arredor do proceso creativo, das claves narrativas da obra e do contexto literario no que se inscribe. A conversa permitirá afondar tanto na arquitectura interna da novela como na súa recepción crítica, marcada polo recoñecemento do xurado do Xerais.

O Pazo das Marismas sitúa a súa trama nun territorio onde a memoria, o misterio e a identidade se entrelazan, e confirma a voz literaria de Blanco Casal como unha das máis sólidas e prometedoras da narrativa galega contemporánea. A súa condición de finalista do Premio Xerais reforza o interese que a obra está a espertar entre lectores e profesionais do sector.

O Concello de Vilaboa destaca que esta presentación se enmarca na súa aposta por achegar a creación literaria galega á veciñanza, promover espazos de encontro cultural e apoiar o talento do país. A entrada ao acto será libre ata completar aforo.

BRAIS SÁNCHEZ, CON PE E MEDIO EN RUMARÍA TRAS PROCLAMARSE CAMPIÓN ABSOLUTO SÉNIOR K2 NO CAMPIONATO DE ESPAÑA

O Concello felicita ao piragüista local polo seu novo éxito deportivo .

Vilaboa,  1  de xuño de 2026. – O Concello de Vilaboa felicita ao piragüista local Brais Sánchez polos seus resultados no Campionato de España no que conseguiu un excelente resultado ao ser campión sénior absoluto en K2. Este resultado consolida a excelente tempada para o palista local, que a falta de confirmación oficial, representará a selección Española no Campionato Europeo, que se disputará en Rumanía.

Na proba sénior, Sánchez mostrou unha vez máis o seu alto nivel competitivo, medíndose con deportistas de elite e mantendo a súa solvencia nas grandes citas nacionais.

A traxectoria recente de Sánchez inclúe varios cambios significativos. Despois de 25 anos defendendo as cores do Club Piragüismo Vilaboa, decidiu unirse ao Club Los Rápidos Jaire de Arriondas co obxectivo de formar equipo en K2 co seu amigo Emilio Llamedo para participar no tradicional Descenso Internacional do Sella, unha das probas máis emblemáticas do calendario nacional.

Tras esa experiencia asturiana, o piragüista optou por regresar a Galicia para integrarse no Club Rías Baixas de Boiro. Esta decisión respondía á súa vontade de afrontar a competición cunha perspectiva diferente, segundo el mesmo explicou, para “xubilarse” deportivamente nun proxecto no que aportar a súa experiencia acumulada e adestrar con menor presión competitiva.

Foi precisamente con este enfoque máis relaxado cando Sánchez alcanzou algúns dos seus resultados máis destacados a nivel internacional. No último ano logrou un notable quinto posto no Campionato do Mundo de Maratón, así como medallas de ouro e prata no Mundial de Barco Dragón 2024, consolidando a súa versatilidade e capacidade para competir con éxito en distintas modalidades. Estes logros demostran a calidade e consistencia do deportista de Vilaboa, que continúa colleitando éxitos e representando con orgullo á súa localidade en competicións nacionais e internacionais. Con todo, Sánchez lamenta as dificultades que afrontan os piragüistas para atopar patrocinios, fundamentais para cubrir desprazamentos e adquirir material técnico imprescindible para competir ao máximo nivel.

ALUMNADO NO CEP RIOMAIOR DEGUSTAN UN ALMORZO MEDITERRÁNEO CO PROGRAMA NUTRIESCOLA

Anpa e dirección do colexio traballan conxuntamente para frear o hábito de asistir ás aulas sen facer a primeira comida do día.

Vilaboa,  25  de maio de 2026. – No CEP Riomaior reinventaron o curso pasado o concepto de almorzo saudable para dar inicio a unha campaña que combina hábitos alimenticios con normas básicas de comportamento na mesa e protocolo, ao tempo que permite ao alumnado descubrir múltiples posibilidades nutritivas para arrancar o día.

O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos escolares e ás súas familias sobre a importancia de facer a primeira comida antes de comezar a xornada. Detectaron que cada vez son máis as nenas e nenos que chegan ás aulas sen almorzar, coas conseguintes consecuencias no seu rendemento e mesmo no seu comportamento.

A directora do centro, Carmen Negro, considerou necesario intervir para modificar esta tendencia e, para logralo, conta coa colaboración da Anpa, que participa tanto na financiación como na loxística necesaria para preparar, servir e recoller o almorzo para 106 menores. A iniciativa arrancou o ano pasado con almorzo francés e outro mixto, e retomouse este mañán cun almorzo mediterráneo saudable, con pan, xamón, tomate e aceite de oliva, ademáis de leite. É unha actividade incluída no programa Nutriescolas, que promove hábitos de alimentación equilibrada e consciente entre a cativada.

“Queremos que aprendan que o almorzo é o combustible do noso corpo e sen el non poden comezar o día. Se non lles apetece leite ou cereal teñen un millar de opcións máis, pero algo teñen que comer”, explica Carmen Negro, que nesta nova sesión foi un pouco máis alá e recordou normas básicas de comportamento: por onde hai que servir aos comensais, por onde recoller os servizos ou a ubicación de vasos e tenedores nunha mesa ben posta.

O alcalde, César Poza, compartiu este almorzo coa cativada, conversou con eles sobre gustos culinarios e interesouse polas súas preferencias. Os pequenos fixeron gala dun comportamento impecable, un aspecto que para a directora é tamén fundamental. César Poza tivo tamén ocasión de comprobar os excelentes coñecementos que teñen os alumnos de primeiro a sexto de Primaria de Primeiros Auxilios ao ofrecerse para un simulacro de actuación.

 

A AULA DE POUSADA, EPICENTRO DO POUSACHEF CUNHA COMPETICIÓN DE ALTO NIVEL CULINARIO

Cinco equipos competiron para elaborar os petiscos máis saudables nunha edición marcada pola creatividade e o traballo en equipo.

Vilaboa,  22  de maio de 2026. -A aula de Pousada do CRA de Vilaboa converteuse esta semana nun auténtico estudio culinario coa celebración da segunda edición do PousaChef, unha proposta educativa que combina alimentación saudable, creatividade e participación das familias.

O alumnado, dividido en cinco equipos identificados por cores, participou nunha dinámica na que unha ruleta determinaba a cor dos alimentos que debían empregar para elaborar pratos nutritivos e saudables. Coordinados por pais, nais, avós e avoas, foron os propios nenos e nenas quen escoitaron, decidiron e seleccionaron os ingredientes nun supermercado simulado que o profesorado montou no interior das instalacións.

A competición estivo moi reñida e puxo en valor a capacidade da rapazada para traballar en equipo, organizar tarefas e presentar propostas sorprendentes. O xurado, formado polo alcalde de Vilaboa, César Poza; a directora do CRA, Conchita Pérez; e a profesora do centroYolanda Méndez, tivo serias dificultades para escoller un único gañador debido ao altísimo nivel das elaboracións.

Finalmente, o veredicto decantouse por un empate entre o equipo negro, que traballou con alimentos de cor verde, e o equipo vermello, ao que lle tocou ese mesmo ton como base do seu menú. O resultado final foi espectacular: unha mesa decorada con mimo e coidado, propia dun restaurante de primeira liña, onde froitas e verduras foron protagonistas en brochetas, zumes e combinacións cheas de cor e sabor. Todos os participantes recibiron a súa medalla e un coitelo de untar como recordo da súa participación neste concurso, que rematou cunha degustación colectiva en familia.

A directora do CRA, Conchita Pérez, felicitou ás familias pola súa implicación e destacou que actividades como esta “son posibles grazas ao compromiso constante do claustro, que entende a educación como unha experiencia viva, participativa e significativa”. Pola súa banda, o alcalde César Poza volveu amosar a súa satisfacción coa calidade do ensino público en Vilaboa e subliñou que “é un privilexio contar con aulas tan dinámicas e con tantas iniciativas”.
O PequeChef enmárcase no proxecto anual do CRA e reforza o traballo que o centro desenvolve ao longo do ano arredor das merendas colectivas e saudables, unha práctica xa consolidada nas escolas de Pousada, Barciela, Bértola, Figueirido e Paredes.

O CRA DE VILABOA DESPIDE ÁS SÚAS PROFESORAS EN PRÁCTICAS CUN AGRADECEMENTO UNÁNIME

Tres mestas de Guitiriz, Córdoba e Cuba elixen o Centro Agrupado pola súa calidade educativa e describen a experiencia como “inspiradora e inesquedible”.

Vilaboa,  11  de maio de 2026. – O CRA de Vilaboa despedíu estes días ao seu profesorado en prácticas, tres mestras que escolleron este centro pola súa reputación, polas referencias recibidas e pola calidade educativa que o caracteriza. Unha elección que, como elas mesmas recoñeceron, non foi casual: o CRA é un espazo vivo, innovador e profundamente humano, onde a educación se constrúe desde a proximidade, o respecto e a creatividade.

As mestras Xelo Teijido Teijido, natural de Guitiriz e estudante da UVigo; Araceli Carbonell de los Ríos, natural de Córdoba e alumna da Universidad Loyola Andalucía; e Yolanda Aribú Pedreira, nacida en Cuba e residente en Moaña, tamén da UVigo, completaron aquí unha etapa formativa que describen como “intensa, inspiradora e chea de aprendizaxes reais”.

Durante estes meses compartiron aulas, proxectos e vida co alumnado das cinco escolas do CRA, coñecendo de primeira man un modelo educativo que aposta polo acompañamento individual, a participación das familias e o vínculo coa comunidade. Levan con elas a experiencia dun centro que educa desde o afecto e a profesionalidade, e que deixa pegada.

Desde o Concello de Vilaboa e desde o propio CRA agradécese o seu compromiso, a súa implicación e a súa mirada fresca, que sempre suma. As portas quedan abertas para futuras colaboracións e para que esta etapa sexa só o inicio dun camiño profesional cheo de éxitos. Así llo trasladou a directora do CRA Conchita Pérez e o alcalde de Vilaboa, César Poza, na recepción ofrecida na sede do Centro Rural Agrupado.

 

O CONCELLO ABRE HOXE UNHA SEMANA DAS LETRAS CHEA DE CREATIVIDADE E PROPOSTAS CULTURAIS

Trátase dunha programación cultural gratuita que enche Vilaboa de contos, teatro e creatividade para o público máis novo .

Vilaboa,  11  de maio de 2026. – O Concello de Vilaboa arrinca este luns unha nova Semana das Letras, unha programación cultural que coincide coa celebración do Día das Letras Galegas e que enche o municipio de actividades pensadas especialmente para a cativada e a mocidade. Contacontos, teatro, música e propostas de animación á lectura daranse cita na Casa da Cultura de Riomaior e na Biblioteca Municipal ao longo de cinco días nos que a lingua e a creación serán as protagonistas.

A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Cultura, forma parte do programa “Ler Conta Moito” da Rede Galega de Bibliotecas e busca reforzar o vínculo da veciñanza máis nova coa literatura, o teatro e a expresión artística, ao tempo que promove espazos de encontro e participación comunitaria.
A programación comeza este luns con Hamelín, de Fran Rei, e continuará con propostas tan recoñecidas como Contos con Xeito de Bea Campos, Biblicanta da Cabra Montesina con Erea Mora ou a peza teatral O segredo da Biblioteca, da compañía Trémola Teatro, todas elas dirixidas ao público infantil e familiar.
Desde o Concello destacan que esta Semana das Letras “é unha aposta decidida por achegar a cultura ás familias, por fortalecer o uso da lingua galega e por ofrecer alternativas de ocio educativo que axudan a medrar en comunidade”.

César Poza, alcalde e concelleiro de Cultura, destaca a importancia de organizar actividades ligadas á literatura infantil para fomentar o hábito lector entre os máis pequenos de xeito que relacionen ocio e lectura, un xeito lúdico de formar unha sociedade crítica, analítica e esixente. “Os nenos e nenas que esta semana teñen a oportunidade de asistir a unha boa selección de actividades vencelladas á literatura estou seguro de que serán, de adultos, membros dun club de lectura”, apunta.

OS VIÑOS DE VILABOA BRILLAN CUNHA CATA QUE AVALA A EXCELENCIA DE ADEGAS E VITICULTORES

Os Areeiros e Costas destacan entre as adegas da IXP Ribeiras do Morrazo, mentres que Elisa Ruibal e Roberto da Lufiña lideran os premios dos colleiteiros nunha edición marcada polo humor do pregón e un ambientazo continuo.

Vilaboa,  10  de maio de 2026. – A XIII Festa do Viño de Vilaboa pechou esta edición cun balance moi positivo, tanto pola elevada participación como pola calidade dos viños presentados á cata oficial. O recinto baixo o viaduto de Riomaior mantivo durante toda a xornada un ambiente vivo, alegre e constante, consolidando a cita como un dos encontros enogastronómicos máis recoñecidos da comarca.

A entrega de premios da cata foi un dos momentos centrais do día e deixou patente o bo nivel das adegas e colleiteiros do municipio. No apartado das adegas da IXP Ribeiras do Morrazo, Os Areeiros acadou a prata en branco e o ouro en tinto, mentres que Ardán obtivo a prata en tinto e Costas de Exportación levou o ouro en branco, confirmando a diversidade e personalidade dos viños elaborados no territorio.

Entre os viticultores, o xurado recoñeceu tamén o traballo das colleitas familiares, que cada ano gañan peso e prestixio dentro da festa. Nos tintos, o primeiro premio foi para Elisa Ruibal, seguida de Roberto da Lufiña e Martín Torres. Nos brancos, o primeiro posto recaeu en Roberto da Lufiña, o segundo en Antonio Juncal e o terceiro en Manuel Collazo Fernández, nunha edición especialmente competida pola calidade das mostras presentadas.

Durante a entrega, o alcalde de Vilaboa, César Poza, destacou “a calidade excepcional da produción vitivinícola do municipio, tanto nas adegas como nos viticultores, que cada ano demostran un compromiso admirable coa terra e co produto”. O rexedor subliñou que a Festa do Viño “é xa un escaparate consolidado da identidade local e un punto de encontro para quen valora o traballo das familias produtoras”.

César Poza, acompañado polas concelleiras Carmen Gallego, María Canosa e María del Carmen González, aproveitou para facer unha chamada de atención sobre o futuro do mar e do agro. Reivindicou das administracións unha maior implicación fronte ao cambio climático e ás consecuencias que xa está a ter no sector primario, un dos piares de identidade e economía de Vilaboa.

O pregón, a cargo de Sobria e Serena, meteu ao público no peto: o seu humor, moi pegado á realidade dun municipio rural como Vilaboa, arrincou máis dunha sorrisa e preparou o ambiente para unha xornada festiva e reivindicativa ao tempo e puxo a nota máis celebrada da mañá cunha intervención de humor exquisito moi aplaudida. A música de Mallou, dentro do programa +Música da Deputación, animou a sesión vermú e contribuíu a un ambientazo continuo, con asistentes de todas as idades e unha participación que superou as expectativas da organización.

O Concello de Vilaboa fai un balance moi satisfactorio desta XIII edición, que confirma a Festa do Viño como unha cita imprescindible para a promoción do territorio, do produto local e da convivencia veciñal.

 

VILABOA ABRE A FESTA DO VIÑO E DO MAR CUN DURO AVISO SOBRE IMPACTO CLIMÁTICO

O sector primario analiza sen concesións os efectos do cambio climático e debuxa as liñas de adaptación para garantir o futuro produtivo.

Vilaboa,  8  de maio de 2026. – A Festa do Viño e do Mar de Vilaboa botou a andar esta tarde cunha sesión de debate que puxo o foco na situación actual dos dous piares produtivos do municipio —o viñedo e os recursos mariños— e nas consecuencias que o cambio climático está a provocar neles. Baixo o título “Entre Mares e Cepas”, a xornada reuniu voces científicas e profesionais que debuxaron un diagnóstico claro, sinalando preocupacións pero tamén liñas de traballo estratéxicas para garantir a produtividade e a rendabilidade futuras.

Na mesa dedicada ao viñedo, “Innovación e sustentabilidade para o viñedo do futuro”, interviñeron Juan Carlos Vázquez Abal, enxeñeiro técnico agrícola da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia; Tamara Canle e Ángela Yuste, técnicas de Paco & Lola; e Cristina Carrera, responsable de Agrovitis. Os expertos coincidiron en que o viñedo atlántico, pola súa natureza e polas variedades de maduración máis lenta, está a sufrir un impacto menor que outras zonas, mais advertiron da necesidades de innovar e seleccionar novos patrón mais residentes á sequía.

A reordenación das plantacións cara a cotas máis altas, o control da fertilidade e equilibrios do solo que fan ó viñedo acadar millores equilibrios da maduración, a transición do emparrado ás pérgolas para reducir o estrés hídrico e a aposta por unha viticultura ecolóxica e artesanal como unha das claves de diferenciación das elaboracions foron algunhas das medidas sinaladas para adaptarse ao novo escenario climático. O debate abordou tamén o relevo xeracional, apuntando ao enoturismo e á creación de empresas de servizos como vías de futuro para fortalecer o sector e garantir apoio técnico aos viticultores.

Outro dos puntos centrais foi a preocupación pola conservación dos dereitos de plantación. Vázquez Abal animou aos produtores a explorar fórmulas que aseguren a rendabilidade das explotacións e lembrou a importancia de cumprir os trámites administrativos en caso de decidir o arranque das viñas.

A segunda mesa reuniu a Elsa Vázquez Otero, catedrática da Universidade de Vigo; José M. Fernández Babarro, científico do IIM-CSIC; e José Manuel Parada Encisa, consultor en pesca artesanal e marisqueo, para analizar a situación crítica dos cultivos de bivalvos. Os expertos explicaron como a ciencia permite anticipar episodios de elevada mortalidade e subliñaron a necesidade de que as administracións activen medidas de apoio que permitan frear o deterioro dos bancos marisqueiros e garantir a continuidade dunha actividade esencial para a economía local.

A partir das 19.00 horas abrirán as casetas na carpa situada baixo o viaduto de Riomaior, onde cinco viticultores e tres adegas do municipio ofrecerán os seus produtos xunto con postos de artesanía e gastronomía. A oferta culinaria estará representada polo Bar O Chancho, a Pulpería Selecta, Ostras Tito e a Pastelería Os Laranxos, completando unha fin de semana que combina reflexión, identidade e celebración.

A primeira xornada da Festa remata co concerto da Banda da Escola de Música de Vilaboa e a Banda de Música Artística de Bueu

A FESTA DO VIÑO ARRANCA CUNHA XORNADA DE ANÁLISE SOBRE O FUTURO DO MAR E DO VIÑEDO

Vilaboa reúne este venres a voces científicas e profesionais para debater os retos e oportunidades dos dous sectores estratéxicos do territorio.

Vilaboa,  5  de maio de 2026. – A XIII Festa do Viño e Mar de Vilaboa inicia este venres a súa programación cunha xornada divulgativa que reunirá voces científicas, técnicas e profesionais para abordar os desafíos e oportunidades dos recursos mariños e do viñedo galego. A sesión, titulada “Entre Mares e Cepas: Tradición e Innovación nos Recursos Mariños e Vitivinícolas”, celebrarase na Casa da Cultura de Riomaior a partir das 17.00 horas e converterá o arranque da Festa nun espazo de reflexión estratéxica sobre dous piares da identidade local.

A primeira mesa redonda, “Situación actual dos cultivos de bivalvos e as opcións de futuro”, contará coa participación de Elsa Vázquez Otero, catedrática de Zooloxía da Universidade de Vigo; José M. Fernández Babarro, científico do IIM-CSIC; e José Manuel Parada Encisa, consultor en pesca artesanal e marisqueo. O encontro permitirá analizar o estado dos bancos marisqueiros, o impacto das condicións ambientais e as liñas de traballo que marcan o futuro dun sector clave para as familias de Vilaboa e da ría.

A partir das 18.00 horas, a segunda mesa centrará o debate no viñedo galego baixo o título “Innovacións e sustentabilidade para o viñedo do futuro”. Intervirán Juan Carlos Vázquez Abal, técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia; Tamara Canle García e Ángela Yusta Álvaro, profesionais de Paco & Lola; e Cristina Carrera Carrera, asesora técnica en viticultura e responsable de AGROVITIS. A sesión afondará nos retos climáticos, nas novas técnicas de manexo e na aposta pola calidade que define ás adegas da contorna.

Tras os coloquios abertos ao público, a xornada culminará ás 19.00 horas coa apertura oficial da Festa do Viño e Mar 2026, que durante toda a fin de semana reunirá viticultores, adegas, artesanía, gastronomía e música baixo o viaduto de Riomaior.

Coa celebración desta primeira xornada, o Concello de Vilaboa reafirma o seu compromiso coa divulgación, a sustentabilidade e o diálogo entre o mar e a terra, dous elementos que explican a singularidade do territorio e a forza da súa comunidade produtiva.

 

VILABOA CELEBRA UN FESTIVAL DOS MAIOS CHEO DE HUMOR, CRÍTICA E CREATIVIDADE

Vilaboa,  1  de maio de 2026. – O Concello de Vilaboa viviu unha nova edición do seu tradicional Festival dos Maios nun ambiente lúdico, participativo e cheo desa retranca que converte esta celebración nun dos encontros máis singulares do municipio. Tres creacións concorreron ao certame deste ano, elaboradas pola veciñanza Figueirido, polo CRA de Figueirido e polo Club de Xubilados de Vilaboa, que acadaron o primeiro, segundo e terceiro premio respectivamente.

A xornada desenvolveuse nun auditorio ao aire libre que volveu demostrar a súa idoneidade para este tipo de eventos, reunindo a persoas de todas as idades arredor dun mesmo fío condutor: a ironía e a crítica social expresadas con humor, imaxinación e moito talento colectivo.

Os máis pequenos do CRA de Figueirido aproveitaron o seu Maio para reivindicar melloras nas instalacións da súa aula, mentres que a rapazada de Figueirido ampliou o foco a outros ámbitos da actualidade local. Entre as súas sátiras lembraron que, durante os temporais, o alcalde César Poza propuxera pechar os centros educativos, sendo finalmente a Xunta quen decidiu manter as clases “para evitar que estiveran coa Play”, segundo recolleron con humor. Tamén fixeron referencia ao enfado inicial da veciñanza de Paredes polas obras da Pump Track, aínda que agora —ironizaron— “alucinan co que facturan no bar”.

Pola súa banda, o Maio do Club de Xubilados fixo un percorrido pola actualidade estatal e autonómica, combinando retranca e crítica amable para abordar algúns dos rumores que circulan polo municipio. Non esqueceron tampouco o debate xerado pola reubicación dos contedores para adaptarse aos novos camións de carga lateral, motivo polo que hoxe pedían entre risas “patinetes para chegar”.

A celebración estivo amenizada pola música de DJ Milucho e polo grupo “Al ritmo de Adri”, que contribuíron a crear unha atmosfera festiva e dinámica durante toda a mañá. O público acompañou con entusiasmo cada intervención, consolidando unha vez máis o Festival dos Maios como unha cita imprescindible no calendario cultural de Vilaboa.

O “VILAVERÁN 2026” ABRE O DÍA 4 O PRAZO DE INSCRICIÓN CON 400 PRAZAS PARA CONCILIAR

Este campamento desenvolverá entre o CEP e a Casa de Cultura e priorizará á cativada empadroada en Vilaboa.

Vilaboa,  29  de abril de 2026. – O Concello de Vilaboa pon en marcha unha nova edición do seu programa de conciliación familiar para as vindeiras vacacións estivais, Vilaverán, que oferta actividades lúdico-formativas para rapaces e rapazas de entre 3 e 14 anos durante os meses de verán. Nesta edición, na que as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición desde o día 4 ata o 26 de maio, o Concello mantén as novidades da edición anterior para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e profesional, mantendo ao mesmo tempo as 400 prazas distribuídas en quendas de 15 días.

Co obxectivo de adaptarse ás necesidades das familias, Vilaverán ofrecerá de novo dúas opcións horarias, ampliando o horario máis extenso desde as 7.30 ata as 15.30 horas e mantendo o horario ordinario entre as 9.00 e as 14.00 horas. Os prezos varían en función da franxa escollida e sitúanse entre os 60 e os 40 euros por quincena, con matrícula gratuíta para as familias usuarias dos Servizos Sociais municipais.
Mantense tamén a baremación de acceso, que establece prioridade para os nenos e nenas empadroados en Vilaboa, para menores escolarizados nos centros educativos do municipio e para fillos e fillas de familias que traballen no termo municipal, reforzando así o obxectivo de facilitar a conciliación. Tamén terán prioridade as vítimas de violencia de xénero, as familias monoparentais e os menores con distintos graos de discapacidade.

A actividade desenvolverase entre as instalacións do Colexio Plurilingüe de Riomaior e a Casa de Cultura, configurándose como un campamento de verán dirixido á poboación infantil e xuvenil que permite gozar de actividades educativas durante o período estival, de luns a venres, durante os meses de xullo e agosto. O programa ofrece ás familias unha ferramenta eficaz para conciliar, ao tempo que promove valores de co-responsabilidade, convivencia e participación. Unha das sinais de identidade do Vilaverán é a aposta por actividades ao aire libre e en contacto coa natureza, aproveitando os recursos e espazos do municipio.

O Concello publicará as listas provisionais o 5 de xuño e as definitivas o 11 de xuño.

VILABOA CELEBRA A DECLARACIÓN COMO FESTA DE INTERÉS TURÍSTICO NACIONAL DO ENTROIDO DE COBRES

 

Vilaboa,  28 de abril de 2026. -O anuncio da Secretaría de Turismo do Estado recoñecendo o Entroido de Cobres como Festa de Interese Turístico Nacional foi recibido en Vilaboa cunha fonda satisfacción institucional e social. A declaración culmina un proceso iniciado hai tres anos e sitúa esta tradición ancestral no lugar de relevancia que o municipio levaba tempo reivindicando.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, cualificou o recoñecemento como “unha das mellores novas da lexislatura”, ao entender que certifica o traballo conxunto entre Concello e comunidade. “Parecía un soño cando empezamos, pero o esforzo compartido coa Asociación Cultural Cobres, que é quen mantivo viva esta tradición, ten como resultado que esta festa ancestral sexa a partir de hoxe patrimonio inmaterial de todo o Estado”, afirmou. “Eu so podo ter palabras de agradecemento para eles”.

Na mesma liña se expresou Martín Duarte, presidente da Asociación Cultural Cobres, quen destacou que a declaración supón “un espaldarazo a un traballo constante por conservar unha tradición singular, transmitida de xeración en xeración, que é unha auténtica seña de identidade”. Duarte subliñou que o recoñecemento chega “nun momento moi esperado” e reforza o compromiso da entidade coa preservación e difusión dun dos entroidos máis característicos de Galicia.

A Asociación Cultural Cobres trasladou tamén unha mensaxe aos seus asociados, nos que recoñece a carga emocional deste momento histórico: “Hoxe é un día para estar emocionados e orgullosos. Detrás deste recoñecemento hai anos de soños, traballo incansable, tradición viva e o esforzo de tanta xente que nunca deixou de crer. É un logro colectivo, pertencente a todo o pobo. Grazas a todos os que o fixeron posible. Hoxe celebramos moito máis que unha festa; celebramos o que somos”.

Coa nova distinción, o Entroido de Cobres dá un paso decisivo na súa proxección exterior, consolidándose como un referente cultural e turístico que combina autenticidade, patrimonio inmaterial e participación comunitaria.

MÁIS DE 200 PERSOAS SECUNDARON A IV COMIDADE DE CONFRATERNIDADE DE FIGUEIRIDO

A edición deste ano homenaxeou a traxectoria vital e profesional de Divina Boullosa Rodríguez, veciña do Alcouce de 89 anos.

Vilaboa,  26 de abril de 2026. – Máis de 200 persoas secundaron este domingo a convocatoria da Comunidade de Montes e da Asociación de Veciños de San Andrés para participar na IV Comida de Confraternidade de Figueirido, un encontro que busca reforzar os lazos comunitarios e recoñecer a traxectoria de persoas que teñen contribuído de maneira destacada á vida social da parroquia.

Nesta edición, a homenaxe recaeu en Divina Boullosa Rodríguez, de 89 anos, nacida no Alcouce o 6 de decembro de 1936, apenas cinco meses despois do estalido da Guerra Civil. A súa infancia e xuventude, como a de tantas persoas da súa xeración, estiveron marcadas polas dificultades dunha guerra, dunha longa posguerra e dunha ditadura que condicionou profundamente a vida no rural.

Divina Boullosa recibiu agasallos tanto da Comunidade de Montes e Asociación de Veciños, como de César Poza, alcalde de Vilaboa, que lle fixo entrega dunha peza de función dun dos elementos patrimoniais máis importantes do municipio, a paneira da Rectoral

Divina estudou na escola pública de Figueirido e, ao rematar a formación primaria, decidiu dedicarse á costura, unha das poucas opcións profesionais ás que podían acceder as mulleres do rural naquela época. Formouse nunha academia de corte e confección en Pontevedra e, en 1959, casou con Constantino Lamoso Couso, veciño moi implicado nas necesidades da comunidade, alcalde de Vilaboa e impulsor de iniciativas fundamentais para o avance da parroquia, como a fundación da Asociación de Veciños, a comisión do cemiterio, as traídas de augas ou a propia Comunidade de Montes. Para el hubo tamén un emotivo e entrañable recordo. César Poza, que pediu un cariño aplauso para quen foi o seu antecesor, que recoñeceu o impulso que durante os seus mandatos lle dou ás infraestruturas básicas do municipio e asegurou que o fixo coa complicidade da súa dona, “porque naquela época para que moitos homes se adicaran á vida pública, as mulleres asumían casi exclusivamente o coidado da casa e da familia”.

Xuntos compartiron 64 anos de matrimonio na súa casa de Balteiro, sempre dispostos a axudar aos seus veciños. A parella tivo dous fillos, Tino e Ludi, e tres netas: Sara, Laura e Andrea. En 2023 Divina sufriu a perda do seu home, un golpe moi duro dada a estreita unión que sempre mantiveron.

Lonxe de deixarse frear polas limitacións da época, Divina decidiu emprender e abriu no seu domicilio un taller de costura ao que dedicou máis de catro décadas de traballo, sempre coa radio como compañeira inseparable. Aquel pequeno obradoiro non só foi o seu sustento, senón tamén un espazo de aprendizaxe e encontro polo que pasaron xeracións de mulleres de Figueirido e arredores ata 1993, ano no que puxo fin á súa actividade profesional como modista.

A súa filla Ludi, que a acompañou durante a homenaxe, quixo compartir este recoñecemento coas moitas mozas que acudiron ao taller da súa nai hai xa moitas décadas, un centro no que se teceron moitas relacións confraternais.

Coa homenaxe deste domingo, a Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños quixeron recoñecer o valor, a perseveranza e o espírito emprendedor dunha muller que, nun tempo no que as mulleres estaban relegadas ao ámbito doméstico, decidiu construír o seu propio camiño profesional e contribuír ao desenvolvemento económico, social e persoal doutras mulleres da parroquia.

A xornada estivo acompañada dun xantar de confraternidade e da música do trío Armonía, que puxo o broche festivo a un encontro que xa se consolidou como unha cita anual de referencia para a comunidade de Figueirido.

 

VILABOA PRESENTA A XIII EDICIÓN DA FESTA DO VIÑO QUE UNE MAR E VIÑEDO

A xornada “Entre mareas e cepas” reunirá voces científicas e profesionais para analizar o futuro do marisqueo e da viticultura.

Vilaboa,  24 de abril de 2026. – A adega Os Areeiros acolleu esta mañá a presentación da Festa do Viño de Vilaboa 2026, que se celebrará en Riomaior os días 8, 9 e 10 de maio. O alcalde, César Poza, e a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, explicaron que esta edición incorpora un guiño especial aos produtos do mar, despois de que o sector marisqueiro renunciase este ano ao seu evento propio pola situación de precariedade que atravesa. Ambos coincidiron en que é necesario “acompañar ao sector e facer visible un momento especialmente delicado para as familias que viven do mar”.

A programación abrirase o venres 8 de maio ás 17:00 horas na Casa da Cultura de Riomaior coa xornada “Entre mareas e cepas”, un encontro que busca poñer en diálogo dous piares da economía local: o marisqueo e a acuicultura de mexillón, por unha banda, e a viticultura, pola outra. A primeira das mesas abordará a situación actual dos cultivos de bivalvos e os seus retos de futuro, coa participación de Elsa Vázquez Otero, catedrática da Universidade de Vigo; José M. Fernández Babarro, científico do IIM-CSIC; e José Manuel Parada Encisa, consultor en pesca artesanal e marisqueo. A sesión incluirá cun coloquio aberto ao público.

A segunda mesa centrarase na innovación e na sustentabilidade do viñedo, reunindo profesionais da enxeñaría agrícola, da investigación e da produción vitivinícola. Intervirán Juan Carlos Vázquez Abal, técnico da EVEGA; Tamara Canle García e Ángela Yusta Álvaro, de Paco & Lola; e Cristina Carrera, asesora técnica en viticultura. A xornada pechará ás 19:00 horas, momento no que se abrirán as casetas da festa.

A Festa do Viño 2026 contará coa participación de cinco viticultores e tres adegas do municipio, ademais de postos de artesanía e gastronomía que completarán a oferta durante toda a fin de semana. Entre as propostas culinarias destacan o Bar O Chancho, a Pulpería Selecta, Ostras Tito e a Pastelería Os Laranxos. A organización tamén programou actividades para público familiar, con inchables, obradoiros e xogos tradicionais ao longo do sábado e do domingo.

As pregoeiras desta edición serán Sobria e Serena, o dúo formado por Jazmín Abuín e Arantxa Treus, que darán inicio oficial á festa cun pregón marcado polo humor e a retranca. O sábado pola tarde celebrarase un showcooking a cargo de Chicolino Eventos, no que se elaborarán en directo dúas receitas que unen mar e viño: un pinchiño de vieira mariñada con viño de Vilaboa e un tiradito de lubina en salsa verde.

A música volverá ter un papel destacado ao longo da fin de semana. O venres actuarán as bandas de música de Bueu e de Vilaboa. O sábado, a Mekánica Rolling Band animará o mediodía e o grupo A Roda será o encargado da actuación nocturna. O domingo pechará a programación Mallou, nun concerto previsto para o mediodía.

As casetas permanecerán abertas o venres de 19:00 a 00:00 horas; o sábado de 11:00 a 17:00 e de 19:00 a 00:00 horas; e o domingo de 11:00 a 17:00 horas. As copas terán un prezo de 3 euros en concepto de depósito, que será devolto ao entregar a copa co seu tícket.

A organización destaca que esta edición pretende reforzar a identidade de Vilaboa como territorio que vive do mar e da terra, e que aposta por poñer en valor ambos sectores nun momento no que a colaboración e o apoio institucional resultan fundamentais.

 

O CONCELLO LEMBRA Á VECIÑANZA A OBRIGA DE LIMPAR AS PARCELAS ANTES DO 31 DE MAIO

O goberno local reforza a vixilancia  e o control da xestión da biomasa.

Vilaboa,  18 de abril de 2026. – O goberno local de Vilaboa sitúa a prevención dos incendios forestais como unha das súas máximas prioridades para este ano. Neste contexto, o departamento de Medio Ambiente intensificará a súa labor de vixilancia e control para garantir o cumprimento estrito da normativa autonómica en materia de xestión da biomasa.

Coa chegada da época de maior risco de incendios, o Concello lembra á veciñanza que é obrigatorio manter as propiedades en condicións axeitadas de seguridade, salubridade e ornato público. A correcta xestión da vexetación é esencial para evitar situacións que poidan favorecer a aparición e propagación do lume.

De acordo coa normativa autonómica vixente (Lei 3/2007, do 9 de abril), tanto as persoas propietarias como as administracións e entidades responsables de infraestruturas deben realizar a xestión da biomasa forestal nunha franxa mínima de 50 metros arredor do solo urbano, dos núcleos rurais e urbanizables.

Esta obriga tamén se aplica ao redor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, vertedoiros, estacións de servizo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros de terreos forestais.

Nas franxas de protección de 50 metros non poderá existir maleza —xestas, fentos, silvas ou toxos— nin especies arbófitas pirófitas, como piñeiros, mimosas, acacias ou eucaliptos.

O prazo límite para realizar estes traballos de limpeza e xestión da biomasa remata o 31 de maio de 2026.

O Servizo Municipal de Medio Ambiente supervisará o cumprimento destas obrigas e, unha vez superada a data límite, no caso de detectarse incumprimentos, iniciaranse os correspondentes procedementos administrativos, que poden incluír ordes de execución e sancións.

O Concello de Vilaboa fai un chamamento á colaboración cidadá para garantir a seguridade da veciñanza e a protección do territorio, lembrando que a prevención e a responsabilidade compartida son as ferramentas máis eficaces fronte aos incendios forestais.

O CONCELLO CONVIDA A PARTICIPAR NO XLI FESTIVAL DOS MAIOS O DÍA 1 EN FIGUEIRIDO

O certame conta coa colaboración da Asociación de Veciños
e terá premios en tres categorías .

Vilaboa,  10 de abril de 2026. -O Concello de Vilaboa publica as bases reguladoras do Concurso dos Maios 2026, un certame aberto a rapaces e rapazas de calquera idade, podendo o xurado decidir sobre a participación doutras persoas.

As bases establecen que non haberá distincións nin prexuízos por razón de raza, relixión ou sexo, e que calquera falta de respecto verbal ou física cara ao xurado ou aos demais participantes poderá supoñer a descalificación.

O xurado estará composto polo concelleiro de Cultura, un membro da Asociación de Veciños de Figueirido e persoal técnico municipal, podendo adaptarse a súa composición en caso de ausencia dalgún membro.

A avaliación dos Maios realizarase en tres apartados: mellor letra, valorando a calidade literaria e o carácter crítico, irónico e sarcástico propio da retranca galega; mellor canto, atendendo á entoación, forza e harmonía do conxunto; e mellor Maio, puntuando os adornos e o aspecto exterior e interior, sempre partindo do respecto á forma tradicional cónica dos Maios de Vilaboa, non sendo valoradas outras formas neste apartado.

A votación será individual por cada criterio e sumaranse as puntuacións para determinar os gañadores. Os premios establecidos son: 300 euros para o primeiro, 200 para o segundo e 100 para o terceiro, podendo o xurado declarar o concurso deserto se considera que o nivel non é o axeitado. As persoas participantes deberán estar no lugar media hora antes do inicio do concurso, e a presentación dun Maio implica a aceptación íntegra das bases.

 

A RAPAZADA RETRATA A LOCALIDADE CO CERTAME “VILABOA, UNHA CONTORNA SOPRENDENTE”

O concurso escolar de fotografía, organizado por todos os centros, remata coa exposición dos traballos no Concello e no Centro de Saúde.

Vilaboa, 27 de marzo de 2026. -O Concello de Vilaboa destaca o traballo realizado polo alumnado do CRA de Vilaboa, o CEP de Riomaior e o CPI Toural no Concurso de Fotografía organizado con motivo do Día das Artes Galegas baixo o título “Vilaboa, unha contorna sorprendente”, unha proposta educativa que buscou reforzar a conexión dos escolares co territorio a través da observación e da creación visual. A actividade enmárcase ademais na homenaxe ao fotógrafo galego José Suárez, figura central do Día das Artes Galegas deste ano, tal e como recolle o cartel da exposición titulada “Vilaboa, unha contorna sorprendente”.

Unha selección das imaxes pode visitarse xa e durante toda a vindeira semana na Casa Consistorial e no Centro de Saúde, onde se instalarán paneis expositivos que amosan a mirada da rapazada sobre o patrimonio e a paisaxe local. O cartel da mostra lembra que a fotografía se converteu nunha “ferramenta pedagóxica viva” que permite ao alumnado observar, interpretar e expresar a realidade que o rodea, ao tempo que serve para tecer lazos entre centros e poñer en valor a contorna e o patrimonio de Vilaboa.

A entrega de premios celebrarase o mércores na Casa Consistorial. Os gañadores desta edición son  Simón Novas Martínez, Enzo Pérez Martínez, ambos da escola de Barciela,  e Xian Portela Gómez, da aula de Pousada, en Infantil; Indiana Jiménez, do CPI Toural no primeiro ciclo de Primaria; Eila Barreiro (CPI Toural) e Pablo Ríos (CEP Riomaior) no segundo ciclo, e Darío González (CEP Riomaior) no terceiro ciclo; e en Secundaria, Yeray Antepazo.

O Concello trasladou os seus parabéns ao alumnado e ao profesorado pola implicación nun proxecto que combina creatividade, identidade e coñecemento do medio, e que contribúe a fortalecer o vínculo da mocidade co territorio e será o alcalde, César Poza, quien o mércores estará presente da entrega dos premios.

VILABOA REFORZA O SEU PLAN MUNICIPAL DE PREVENCIÓN PARA REFORZAR A SEGURIDADE

O Concello amplía medidas que favorezan a xestión da biomasa en núcleos como Sobreira, Vilar e A Graña.

Vilaboa, 25 de marzo de 2026. – O Concello de Vilaboa está a traballar na actualización do seu Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais co obxectivo de habilitar novas ferramentas que permitan unha xestión máis eficaz da biomasa e unha maior protección dos núcleos máis expostos. A modificación afectará especialmente ás zonas de Sobreira, Vilar e A Graña, tres ámbitos considerados prioritarios pola súa elevada vulnerabilidade tanto fronte aos lumes como ás consecuencias dos temporais rexistrados nos últimos meses.

Nestes lugares, os accesos principais —e nalgúns casos os únicos— discorren por pistas municipais que, pola súa catalogación actual, só dispoñen dunha franxa de protección de seis metros fronte a especies pirófitas. Unha distancia claramente insuficiente para garantir a seguridade en caso de incendio, xa que a proximidade entre marxes facilita a propagación do lume. Ademais, os temporais deste inverno deixaron numerosas pólas caídas sobre estes viais, dificultando a circulación e evidenciando a necesidade de ampliar as zonas de protección.

As recomendacións dos técnicos de Medio Rural van na liña de transformar estes camiños municipais en auténticos cortalumes dentro do Plan de Prevención, o que permitiría establecer franxas de seguridade máis amplas e efectivas fronte a especies como o eucalipto ou o piñeiro.

César Poza, alcalde de Vilaboa, considera urxente a adopción de medidas que garantan  “a seguridade xeral da veciñanza, que está por riba da desidia dalgúns propietarios que manteñen especies pirófitas demasiado preto das estradas”.

Poza lembra que a experiencia do pasado verán e os danos provocados polos temporais recentes deixan claro que o municipio non pode seguir asumindo riscos evitables.

O departamento de Medio Ambiente está a revisar centos de expedientes abertos por incumprimentos relacionados coa presenza de especies pirófitas en parcelas próximas a viais públicos. Cada caso atópase nun punto distinto de tramitación, polo que o Concello está a realizar unha revisión individualizada para garantir unha actuación rigorosa.

O alcalde, César Poza, recalca que o reforzo das medidas e as intervencións previstas responden unicamente a criterios técnicos e de protección cidadá. “Aquí non hai nada que debatir, hai que garantir a seguridade da xente”, sinala. O rexedor insiste en que o Concello asumirá un papel activo na prevención para minimizar o risco que supoñen tanto os incendios como os temporais.

A actualización do Plan Municipal de Prevención supón, segundo o goberno local, un compromiso firme por anticiparse aos riscos e reforzar a seguridade en todo o territorio municipal.

 

VILABOA CONVÉRTESE ESTA FIN DE SEMANA NA CAPITAL ESPAÑOLA DE CAIAC DE MAR

Máis de 350 deportistas e 50 clubs competirán durante dúas xornadas nas augas da ría, nun evento que esgota a capacidade aloxativa do municipio.

Vilaboa, 23 de marzo de 2026. -O Concello de Vilaboa  e o Club Náutico Cobres acollen esta fin de semana o I Campeonato de España de Caiac de Mar, unha cita deportiva de máximo nivel que reunirá no municipio máis de 350 deportistas pertencentes a 50 clubs de todo o país co colaboración da Federación Galega de Piragüismo. A elevada participación provocou unha ocupación total dos establecementos hoteleiros de Vilaboa, o que obrigou a varias delegacións a buscar aloxamento en concellos limítrofes, evidenciando o impacto económico e turístico que o evento xa está a xerar na comarca.

O porto de Santa Cristina de Cobres será o epicentro da competición, que se desenvolverá ao longo de dúas intensas xornadas. As probas comezarán o sábado 28 de marzo, cun programa que se estenderá de 9:00 a 15:00 horas. A xornada incluirá saídas para categorías infantís, cadetes, paracanoe, tradicional e sénior, destacando a proba de 15 quilómetros, que partirá ás 13:30 horas e que levará ás embarcacións a percorrer un dos tramos máis espectaculares da ría.

O domingo 29, a actividade retomarase ás 9:30 horas e prolongarase ata as 14:30 horas, con probas para SS2 mixto, dobre inclusivo, categorías infantís, cadetes, xuvenís, Sub23, sénior e veteranos. As entregas de medallas terán lugar ás 15:00 horas o sábado e ás 14:00 horas o domingo.

 

Durante toda a fin de semana, veciñanza e visitantes poderán gozar dun auténtico espectáculo deportivo vendo ás embarcacións competir e adestrar nun escenario privilexiado: as augas da ría de Vigo, cun percorrido que parte do peirao de Santa Cristina e se adentra cara Rande, un tramo que combina beleza paisaxística e esixencia técnica.

O Club Náutico Cobres, anfitrión da proba, volve demostrar a súa capacidade organizativa e o seu compromiso co impulso do piragüismo, consolidándose como un referente autonómico e nacional. O seu traballo constante, a súa aposta pola base e a súa implicación coa comunidade fixeron posible que Vilaboa acolla unha competición desta magnitude, situando ao municipio no mapa estatal do deporte náutico.

O club traslada tamén o seu agradecemento ás empresas e entidades colaboradoras, cuxo apoio é fundamental para facer realidade este evento. A súa implicación, tanto loxística como económica, permitiu reforzar a calidade organizativa da proba e contribuíu a que Vilaboa poida ofrecer unha fin de semana deportiva á altura das grandes competicións nacionais.

 

O CRA DE VILABOA MANTÉN ABERTA A ADMISIÓN E ALERTA DO RISCO SE BAIXA A MATRÍCULA

A dirección e o Concello chaman ás familias a apostar polas escolas unitarias, que ofrecen atención personalizada e un modelo educativo vinculado ao medio.

Vilaboa, 16 de marzo de 2026. -O Centro Rural Agrupado (CRA) de Vilaboa manterá aberto uns días máis o prazo de admisión para a etapa de Infantil (0-3 anos), ofrecendo ás familias unha nova oportunidade para coñecer e valorar a proposta educativa das escolas unitarias do municipio.

A dirección do centro explica que as escolas rurais tamén están a notar o impacto do descenso da natalidade, unha realidade que afecta a moitos concellos. Neste momento, algunhas das escolas do CRA presentan unha matrícula máis baixa do habitual, especialmente nos centros de  Figueirido e Pousada.

A directora do CRA, Conchita Pérez, lembra que as escolas unitarias ofrecen un modelo educativo moi valorado polas familias que buscan unha atención próxima e individualizada nos primeiros anos de escolarización. “Nas nosas aulas trabállase en grupos reducidos, o que permite acompañar mellor o desenvolvemento de cada neno e nena, respectando os seus ritmos e potenciando as súas capacidades”, explica.

As cinco escolas unitarias distribuídas polas diferentes parroquias de Vilaboa desenvolven un proxecto educativo ligado á contorna, no que a natureza, o xogo e a experiencia directa teñen un papel fundamental na aprendizaxe. Os proxectos parten dos recursos próximos a cada centro e favorecen unha educación activa, baseada na curiosidade, na exploración e na relación co medio.

O traballo do CRA de Vilaboa tamén foi recoñecido recentemente no III Congreso Nacional de Escolas do Medio Rural, celebrado en Teruel, onde o centro presentou o seu proxecto de transformación de espazos educativos. A proposta, centrada na BiblioCRA e no espazo CRAcreando, espertou un grande interese entre o profesorado participante.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, anima ás familias a achegarse aos centros para coñecer de primeira man o seu funcionamento e a calidade do seu profesorado. Lembra que, aínda que este curso non existe risco inmediato, a perda continuada de matrícula podería derivar nunha futura redución de aulas no municipio. “Apostar polas escolas do propio concello é tamén unha forma de coidar das parroquias e garantir a continuidade dun modelo educativo de proximidade”, sinala.

MULLERES QUE TECEN MEMORIA: PREMIO 8M PARA AS GARDIÁS DO ENTROIDO DE COBRES

César Poza e Carmen Gallego entregan a distinción a 22 mulleres costureiras, veteranas, músicas e directivas que recibiron o caluroso aplauso do público.

Vilaboa, 8 de marzo de 2026. –O acto de entrega do Premio 8M celebrado en Vilaboa converteuse nun momento profundamente emotivo e histórico: por primeira vez realizouse unha entrega colectiva, dirixida ao grupo de 22 mulleres que sosteñen o Entroido de Cobres desde ámbitos tan diversos como a costura, a música, a memoria viva e a organización interna da festa.

En nome de todas elas tomou a palabra Lidia Peleteiro, quen lembrou que as homenaxeadas “son só unha representación das que estiveron antes e das que virán despois”, recoñecendo así a cadea de mulleres que, ao longo das décadas, fixeron posible que esta tradición única siga viva.

As costureiras, as veteranas, as músicas e as integrantes da xunta directiva recibiron o recoñecemento das mans do alcalde de Vilaboa, César Poza, e da concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, así como o cálido aplauso dun público que encheu a Casa da Cultura de Riomaior. Ambas autoridades destacaron que este premio é un xesto de gratitude polo traballo feminino que mantén aceso o legado do Entroido: “Cobres é o berce dun Entroido que define a identidade de Vilaboa. E son de novo as mulleres as que foron capaces de manter este legado vivo, un patrimonio de valor incalculable que temos a responsabilidade de protexer”.

A estatuílla do Premio 8M: unha obra de Irene Silva Xiráldez.

O galardón entregado ás homenaxeadas é unha peza pertencente á colección “Muller das Salinas”, creada pola artista Irene Silva Xiráldez, autora que xa colaborara co Concello de Vilaboa en edicións anteriores do Premio 8M. A súa obra destaca pola representación simbólica da forza, identidade e resiliencia das mulleres.

O acto comezou coa actuación das pandereteiras Tudoten de Soutomaior e incluíu a visualización dunha vídeorreportaxe producido por Nuria Morgade que recolle as testemuñas e emocións das homenaxeadas.

As costureiras: transformar tradición en arte.

Mari Carmen Docampo Solla, Carmen Cortegoso González, Aurita Palmeiro e María del Carmen Poceiro Buceta representan o oficio silencioso que converte materiais humildes en auténticas xoias artesanais. Cada traxe, cada sombreiro e cada detalle leva a súa paciencia, o seu coidado e a súa memoria. Grazas a elas, o Entroido non só se celebra: respírase e emociona.

As veteranas: a memoria que sostén a alma da festa.

As Veteranas do Entroido de Cobres naceron hai catorce anos para recuperar unha ilusión que moitas non puideran vivir na mocidade. Hoxe son símbolo de resistencia cultural e orgullo colectivo, un grupo interxeracional que mantén vivas melodías, pasos e rituais que doutro xeito se perderían. Xunto a elas, tamén foron recoñecidas as mulleres do grupo de música e da asociación Aires de Cobres, gardiás do son e da transmisión oral.

A xunta directiva: o traballo que non se ve pero que o fai todo posible.

Jessica Lameiro Cortegoso, Sara Barros González, Lidia Peleteiro Arosa e Tamara Pazos Mariño representan o labor constante e imprescindible da Asociación Cultural Cobres. Coordinan grupos, organizan saídas, recuperan documentación, buscan recursos e manteñen o equilibrio entre tradición e modernidade. O seu traballo garante que cada ano o Entroido saia á rúa con beleza, orde e emoción.

O “PASEO DAS ESTRELAS CIENTÍFICAS” COMPLETA O PROGRAMA DO 8M NOS COLEXIOS DE VILABOA

A iniciativa achega referentes femininos da ciencia, cinco delas ligadas a Vilaboa ao alumnado do CPI O Toural e do CEP Riomaior os días 11 e 12 de marzo.

Vilaboa, 6 de marzo de 2026. –O Concello de Vilaboa completará os actos de conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cunha actividade especial nos centros educativos do municipio. O “Paseo das Estrelas Científicas”unha proposta educativa e participativa que busca dar visibilidade ás mulleres referentes no ámbito científico e fomentar vocacións entre o alumnado. Esta iniciativa forma parte da programación da concellaría de Igualdade para o 8M, cuxo acto central será a entrega do Premio 8M ás mulleres do Entroido de Cobres, en recoñecemento ao seu labor esencial na preservación e transmisión desta tradición e que terá lugar este domingo ás 19 horas na Casa de Cultura de Riomaior.

A actividade desenvolverase nos centros CPI O Toural e CEP Riomaior, onde se instalarán estrelas no chan dos corredores dedicadas a diferentes científicas destacadas como Begoña Vila, Amparo Alonso Betanzos, Elena Vázquez Cendón, Marisol Soengas, María Victoria Lareu, Peregrina Quintela, Aida Fernández Ríos, Alicia Estévez Toranzo ou Yasmina Martínez Barciela, entre outras. O alumnado poderá percorrer este paseo descubrindo as contribucións destas investigadoras e coñecendo mellor o papel fundamental das mulleres no avance da ciencia.

O programa contará tamén coa participación de investigadoras da contorna de Vilaboa, que compartirán co alumnado a súa experiencia profesional e persoal. Entre elas estarán Zeltia López Gallego, especialista en quirópteros; Romina Fernández Poceiro, coordinadora de ensaios clínicos; Silvana Poceiro Fernández, técnica de investigación no CSIC; María Pilar Paredes Ríos, física e docente de FP; Alexandra Rodríguez Pereiras, investigadora en ecoloxía e cambio global; e Bea Lago Núñez, técnica de laboratorio na Misión Biolóxica de Galicia.

O proxecto ten como obxectivo achegar a ciencia á comunidade educativa dun xeito atractivo e accesible, ao tempo que promove referentes femininos próximos e actuais para as nenas e mozas do municipio. A iniciativa pretende tamén combater os estereotipos de xénero que historicamente afastaron a moitas mulleres das carreiras científicas e tecnolóxicas.

 Este contacto directo permitirá que as nenas e nenos coñezan de primeira man como é o traballo científico e poidan imaxinar o seu propio futuro nestes ámbitos.

O Paseo das Estrelas Científicas desenvolverase en dúas xornadas. No CEP Plurilingüe Riomaior terá lugar o 11 de marzo, con tres sesións dirixidas ao alumnado de Primaria. No CPI O Toural celebrarase o 12 de marzo, con dúas sesións destinadas ao alumnado de Primaria e ESO. En total, serán cinco encontros nos que a ciencia se achegará ás aulas a través de referentes femininos próximos e inspiradores.

O alumnado recibirá unha chapa conmemorativa que converterá a xornada nun recordo especial desta celebración da ciencia e da igualdade. Con esta proposta, a Concellalía de Igualdade reafirma o seu compromiso coa educación, coa igualdade de oportunidades e coa promoción de referentes femininos que animen ás novas xeracións a explorar o mundo científico.

 

VILABOA INAUGURA A NOVA PISTA DE PUMP TRACK DE PAREDES, DAS MÁIS COMPLETAS DA COMARCA

A instalación abrirase cunha xornada con exhibicións, música e actividades para a rapazada coa colaboración do Club Ciclista Val do Ulló.

Vilaboa, 2 de marzo de 2026. – Vilaboa ultima os preparativos para a inauguración oficial da nova pista de pump track de Paredes, unha infraestrutura chamada a converterse nun referente deportivo e de lecer na comarca. O acto terá lugar este domingo ás 12.00 horas na contorna da Canteira, en Paredes, e supón a apertura dun espazo pensado para a práctica segura e divertida de modalidades como bicicleta, monopatín, patíns ou patinete, ademais de servir como punto de encontro para a mocidade e as familias.

A xornada inaugural contará coa presenza de dúas figuras destacadas do pump track galego: Paula Rodríguez, campiona de Galicia e do Open de España PT 2025, e Iván García, campión de Galicia e do Open de Galicia PT 2025. Ambos realizarán exhibicións que permitirán ver a pista en pleno rendemento e mostrarán o potencial desta disciplina, cada vez máis estendida entre a mocidade. Ademais, haberá música, demostracións en directo e un obradoiro de aprendizaxe dirixido aos nenos e nenas de Vilaboa, que poderán iniciarse na técnica acompañados por profesionais e polo Club Ciclista Val do Ulló.

A nova pump track representa un paso máis na aposta de Vilaboa por crear espazos públicos de calidade, fomentar hábitos saudables e ofrecer alternativas de ocio ao aire libre. A súa localización en Paredes, nunha zona xa consolidada como punto de encontro veciñal, reforza o carácter integrador da instalación e contribúe a dinamizar a vida social e deportiva do municipio.

A obra, impulsada polo Concello de Vilaboa coa colaboración da Deputación de Pontevedra supuxo un investimento significativo de arredor dos 163.325 euros  nunha pista distribuída nun circuíto continuo de ondas, peraltes e trazados enlazados que permiten rodar sen pedalear, aproveitando a inercia e o movemento corporal. A pista está deseñada para todos os niveis, desde iniciación ata usuarios avanzados, e cumpre cos estándares actuais de seguridade e accesibilidade.

O Concello anima a toda a veciñanza a achegarse este domingo, con bicicleta, monopatín, patíns ou patinete, para celebrar a posta en marcha dunha infraestrutura que chega para quedar e que aspira a converterse nun símbolo da vitalidade e do dinamismo de Vilaboa.

VILABOA SOLICITA 35.071 EUROS EN AXUDAS PARA REPARAR OS DANOS DOS TEMPORAIS

Os fortes ventos causaron estragos no alumeado municipal e o deterioros na EBAR de Bértola e no Pavillón Municipal de O Toural.

Vilaboa, 3 de marzo de 2026. – O Concello de Vilaboa presentou diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra toda a documentación necesaria para acollerse ás axudas destinadas á reparación dos danos provocados polos recentes episodios de fenómenos meteorolóxicos adversos. O expediente recolle unha valoración total de 35.071,87 euros, correspondente ás actuacións de reparación directamente vinculadas aos temporais de choiva intensa que afectaron o municipio.

 A relación de danos inclúe tres infraestruturas municipais que sufriron incidencias relevantes. No Pavillón Municipal de O Toural, os efectos das choivas do 20 de xaneiro de 2026 deixaron danos valorados en 4.995,01 euros. A iluminación pública do Concello de Vilaboa tamén resultou afectada en distintos puntos do termo municipal, cun custo estimado de 27.959,36 euros para a súa restitución. Ademais, a Estación de Bombeo de Augas Residuais (EBAR) de Bértola–Sajosa rexistrou danos o mesmo día 20 de xaneiro, cun importe de reparación de 2.117,50 euros.

O Concello subliña que estes episodios de choiva e vento están a xerar un impacto crecente nas infraestruturas locais, obrigando ás administracións municipais a asumir gastos extraordinarios que superan a capacidade ordinaria dos seus orzamentos. A solicitude destas axudas é, por tanto, esencial para garantir a recuperación rápida e segura dos servizos públicos afectados.

VILABOA HOMENAXEA NO 8M ÁS MULLERES QUE SOSTEÑEN O ENTROIDO DE COBRES

O Premio, que se entrega o domingo en Riomaior, recoñece a labor de costureiras, veteranas, músicas e xunta directiva da Asociación Cultural Cobres.

Vilaboa, 1 de marzode 2026. –  O Premio 8M do Concello de Vilaboa recae este ano nas costureiras, no grupo de veteranas do Entroido de Cobres e nas mulleres da xunta directiva da Asociación Cultural Cobres, tres piares que sosteñen unha tradición única en Galicia e que, desde ámbitos distintos, comparten unha mesma misión: transmitir o amor profundo polo Entroido de xeración en xeración. A Casa da Cultura de Riomaior acollerá ás 19:00 horas o acto especial de homenaxe, unha celebración que reunirá música, memoria e recoñecemento colectivo. O programa inclúe a actuación musical das Pandereteiras Tudoten de Soutomaior, a proxección dunha vídeo reportaxe dedicada ás protagonistas e a entrega do Premio 8M Vilaboa a un total de 22 mulleres, nun encontro promovido pola Concellería de Igualdade de Vilaboa co apoio do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Tanto para Carmen Gallego, edil de Igualdade, como para César Poza, alcalde de Vilaboa, este premio é un recoñecemento público ao traballo feminino por manter viva esta tradición singular. “Porque Cobres é o berce dun Entroido que define a identidade de Vilaboa e que hoxe forma parte do patrimonio inmaterial de Galicia. E son de novo as mulleres, as que foron capaces de manter este legado vivo. Un legado de valor incalculable que temos a responsabilidade de coidar e protexer para quen nos preceda”, aseguran. Este premio é, sobre todo, un “xesto de gratitude; unha maneira de dicirlles que valoramos o seu traballo e que a súa dedicación sostén unha tradición que nos fai únicas”.

 

As costureiras: o oficio que converte a tradición en arte

As costureiras son a man invisible que sostén o esplendor do Entroido, artesás capaces de transformar materiais humildes en pezas que abraian. No silencio das súas casas, entre teas que se estenden, puntillas que se escollen con mimo e centos de abelorios cosidos un a un, dan vida a traxes que requiren unha precisión extrema e unha dedicación que non se pode medir en horas. O seu labor abrangue tamén a creación dos vistosos sombreiros, auténticas arquitecturas de equilibrio e detalle, onde cada flor, cada pluma e cada brillo se coloca coa mesma paciencia que se herda de xeración en xeración. En cada madama e en cada galán vai a súa mirada, o seu coidado e a súa memoria. Grazas a elas, o Entroido non só se ve: respírase, emociona e permanece. Mari Carmen Docampo Solla, Carmen Cortegoso González, Aurita Palmeiro e María del Carmen Poceiro Buceta son parte esencial deste legado vivo, mulleres que co seu talento manteñen aceso o fío que une tradición e arte.

 

As veteranas: a memoria que non se deixa esquecer

As veteranas representan a voz da experiencia, o recordo vivo de como se celebraba o Entroido cando non había máis recursos ca ilusión. Foron quen de manter o costume en tempos difíciles, de ensinar pasos, melodías e rituais, de lembrar como se vestía e como se vivía a festa. Son o fío que une o que fomos co que somos, e sen elas o Entroido de Cobres non tería a súa alma.

Durante décadas, foron numerosas as mozas de Cobres que quedaron con ganas de Entroido. A realidade económica tamén pesaba: un traxe de madama, entre sombreiro, peitoril e prendas, podía supoñer un custo inasumíbel para moitas familias

Foi nese contexto de silencios e renuncias onde, hai catorce anos, xurdiron as Veteranas do Entroido de Cobres, un grupo maioritariamente feminino —aínda que con algunha presenza masculina— que decidiu recuperar o que lles fora negado. Ensaiaron, investigaron melodías antigas e subiron ao escenario de Riomaior os días grandes do Entroido, aqueles nos que máis xente se achega á festa. As Veteranas escolleron unha vestimenta discreta, inspirada nas antigas aldeás: sen sombreiro, sen peitoril e con poucas xoias, reivindicando así unha forma de participar que non dependa do luxo nin do custo económico. Para moitas delas, o grupo converteuse nunha segunda oportunidade: mulleres de trinta e poucos anos comparten escenario con outras que superan os sesenta, unidas pola mesma paixón e pola vontade de manter viva a tradición. Hoxe son símbolo de resistencia cultural e de orgullo colectivo.

A esta labor súmase o das mulleres que forman parte do grupo de música e da asociación Aires de Cobres, que sostén o Entroido desde o son, a memoria e a transmisión oral. Por esta labor recibirán o recoñecemento social  María Isabel Fernández Poceiro, Carmen Castro González “Cachito”, Clara María Fernández Casal, Martiña Ferreira Novio, Verónica Moledo Fernández, Beatriz del Río Couso, María José Casal Barros, María Luisa Poceiro Camiña, Inés Collazo Corbacho, Patricia Poceiro del Río, Alicia Meira Ríos, Rosana Mayan Pazos e María de los Ángeles Framil García, mulleres que representan distintas xeracións e historias persoais, unidas pola mesma paixón por manter viva a tradición.

 

A xunta directiva: o traballo silencioso que fai posible o imposible

A xunta directiva da Asociación Cultural Cobres merece un recoñecemento especial polo seu labor constante, discreto e imprescindible e no 8M será para as súas integrantes femininas. Son quen sosteñen a organización, a transmisión e a protección desta tradición centenaria, asumindo tarefas que non sempre se ven pero que fan posible que o Entroido continúe vivo, ordenado e forte ano tras ano. Coordinan grupos, recuperan documentación, impulsan proxectos, acompañan ás novas xeracións e manteñen o equilibrio entre o respecto polo legado e a adaptación aos tempos actuais.

Organizar as saídas do Entroido, un labor cada vez máis complexo porque a presenza das madamas e galáns é demandada en máis lugares e en máis actos ca nunca. Xestionan calendarios, compromisos, desprazamentos e necesidades loxísticas que requiren unha coordinación fina e constante.

A isto súmase unha das tarefas máis difíciles e menos visibles: facer auténtica enxeñería financeira para conseguir os recursos necesarios que permitan manter viva a festa. Buscar apoios, administrar orzamentos axustados, garantir materiais, vestimenta, música, transporte e infraestrutura… todo iso sen perder a esencia nin comprometer a continuidade da tradición. Coa mirada sempre posta nos catro días completos de festa, nos que todo debe funcionar con precisión para que o público só vexa beleza, música e tradición, nunca o esforzo titánico que hai detrás.

Por iso o Concello de Vilaboa recoñecerá a Jessica Lameiro Cortegoso, Sara Barros González, Lidia Peleteiro Arosa e Tamara Pazos Mariño, catro mulleres que representan compromiso, responsabilidade e unha dedicación que vai moito máis alá do visible.

A súa labor confirma unha realidade xa incuestionable: o Entroido de Cobres avanza grazas ás mans, ás voces e á entrega das mulleres que o coidan desde dentro, garantindo que cada danza, cada melodía e cada sombreiro continúen a formar parte da identidade colectiva de Vilaboa.

 

 

VILABOA RECIBE AO PROFESORADO DO PROXECTO ESTATAL “RAÍCES DE FUTURO”, PROXECTO QUE IMPULSA A INNOVACIÓN EDUCATIVA

O CRA de Vilaboa coordina esta iniciativa que une a catro centros escolares de distintas comunidades autónomas.

Vilaboa, 25de febreiro de 2026. – O Concello de Vilaboa celebrou hoxe unha recepción  na sede do CRA do Toural para dar a benvida ao profesorado participante no Proyecto de Agrupación Escolar “Raíces del Futuro: Patrimonio Natural y Cultural a través del STEAM”, unha iniciativa promovida polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes que une centros de distintas comunidades autónomas arredor da innovación educativa e da aprendizaxe conectada co territorio.

O alcalde, César Poza, acompañado pola directora do CRA de Vilaboa, Conchita Pérez, recibiu ás docentes que estes días visitan o municipio no marco deste intercambio profesional. Participaron na xornada María del Carmen de la Cruz, do CEIP Casillas del Ángel (Puerto del Rosario, Fuerteventura); María Pérez Núñez, do CEIP Ramón Linacero (Alalpardo, Madrid), acompañada de tres mestras do centro; e Cándida María Vicente Pérez, do CEIP Máximo Cruz Rebosa (Piornal, Cáceres).

Durante o encontro, o Concello agasallou ás visitantes cunha placa do Entroido de Vilaboa e con produtos elaborados por Cabo de Peñas, un xesto que quixo poñer en valor dúas das señas de identidade do municipio: o seu patrimonio cultural e a súa tradición vinculada ao mar.

O CRA de Vilaboa exerce como centro coordinador deste proxecto estatal a desenvolver en dous anos, no que participan escolas rurais de diferentes comunidades autónomas españolas. Todos eles comparten unha aposta firme por unha educación próxima, personalizada e conectada co entorno, baseada no traballo por proxectos, no enfoque STEAM e na posta en valor da identidade local como motor da aprendizaxe.

“Raíces del Futuro” busca fortalecer a cooperación entre centros e promover unha mirada educativa que recoñeza o patrimonio natural e cultural como parte esencial da formación do alumnado, unha visión coa que Vilaboa se identifica plenamente eque no caso do CRA de Vilaboa centrará no Entroido de Cobres este curso e no medio natural no vindeiro.

COBRES CONSOLIDA O SEU ENTROIDO COMO UN REFERENTE CULTURAL ÚNICO EN GALICIA

A festa péchase con máis de 3.000 asistentes, 90 madamas e galáns, 27 músicos e 60 km percorridos nunha edición sen precedentes .

Vilaboa, 21 de febreiro de 2026. – O Entroido de Cobres 2026 pecha unha edición que quedará gravada na memoria colectiva como unha das máis emocionantes, épicas e valentes da súa historia recente. A chuvia, presente de maneira case ininterrompida, non conseguiu apagar o espírito dunha comunidade que se negou a renunciar á súa festa máis querida. A Asociación Cultural Cobres traballou sen descanso para improvisar solucións, adaptar espazos e garantir que cada acto do programa se celebrase con dignidade, seguridade e, sobre todo, coa emoción que define este entroido único.

E lonxe de descansar, a maquinaria cultural de Cobres continúa en marcha e hoxe participa no entroido en Piasca, levando o espírito, a elegancia e a forza das madamas e galáns a novos escenarios, mentras se prepara para estar en Sar a vindeira fin de semana

A resposta da xente foi extraordinaria. Só na xornada do martes 17, a carpa de Cobres reuniu preto de 3.000 persoas, converténdose nun refuxio de música, baile e tradición. O desfile contou con 90 madamas e galáns, auténticos emblemas da identidade local, acompañados por 27 músicos que puxeron banda sonora a catro días de celebración ininterrompida. Entre bailes, visitas a fogares e percorridos polas parroquias, acumuláronse 40 horas de actividade e máis de 60 quilómetros percorridos, unha mostra de resistencia, ilusión e compromiso coa tradición. 

O interese pola festa tamén se deixou notar no merchandising oficial, con máis de cen artigos vendidos, principalmente sudadeiras, camisetas e tazas que xa viaxan como recordo desta edición histórica.

O Entroido de Cobres 2026 consolidouse como un dos eventos culturais con maior repercusión nas redes sociais de toda Galicia. Ao longo das cinco semanas da campaña dixital, as canles oficiais do evento acadaron xuntas máis de 1,2 millóns de visualizacións, cun crecemento de seguidores que superou o 65% en Facebook e o 18% en Instagram. O vídeo máis viral, publicado durante a xornada do martes de Entroido foi o de Desirée como gañadora do Galo no Río, superou as 256.000 reproducións, convertendo a parroquia de Cobres, no concello de Vilaboa, no epicentro das redes sociais durante o Entroido galego deste ano. A páxina web oficial rexistrou ademais máis de 11.000 visitas únicas, con tráfico procedente de toda España e países como Portugal, Estados Unidos, Irlanda ou Alemaña, reflexo da crecente proxección internacional desta festa de recoñecido valor patrimonial e etnográfico.

VILABOA REFORZA A AREA DE MEDIO AMBIENTE PARA INTENSIFICAR A PREVENCIÓN DE INCENDIOS

O novo persoal técnico céntrase no control da xestión da biomasa para aumentar a seguridade nos núcleos máis expostos.

Vilaboa, 18 de febreiro de 2026. – O Concello de Vilaboa vén de reforzar o seu Departamento de Medio Ambiente coa incorporación dun técnico interino e dun contrato de formación dun ano de duración, co obxectivo prioritario de traballar na xestión da biomasa con carácter preventivo. Con esta medida, o goberno local dá un paso decisivo para mellorar a seguridade da veciñanza e reducir o risco de incendios forestais nos núcleos máis vulnerables do municipio.

O novo equipo, formado por Miguel Vilas Aguete e André Barciela, centrará o seu labor inicial nos lugares de Sobreira, Vilar e A Graña, tres zonas consideradas prioritarias pola súa elevada exposición tanto a lumes como ás consecuencias dos últimos temporais. O traballo deste equipo está directamente coordinado polo alcalde, César Poza, quen subliña que “a seguridade xeral da veciñanza está por riba da desidia dalgúns propietarios que manteñen especies pirófitas como pinos ou eucaliptos demasiado preto das estradas”.

Actualización de expedientes e inicio de sancións

Nestes momentos, o equipo de Medio Ambiente está a actualizar centos de expedientes abertos por incidencias relacionadas coa necesidade de cortar especies pirófitas en parcelas próximas a viais públicos. Cada expediente atópase nun punto distinto de tramitación, polo que o Concello está a revisar caso por caso para garantir unha actuación rigorosa.

Tras as comunicacións previas aos propietarios, o Concello iniciará o procedemento sancionador para aqueles que incumpran a normativa vixente. “Temos claro que imos actuar con contundencia”, afirma o alcalde. “Vilaboa non pode permitirse repetir a inseguridade vivida o pasado verán nin permitir que un temporal incremente a súa perigosidade porque os accesos están rodeados de especies que non deberían estar aí”.

Unha cuestión de seguridade, non de política

César Poza insiste en que este reforzo e as actuacións previstas responden exclusivamente a criterios técnicos e de protección cidadá. “Isto non é unha cuestión política, é unha cuestión de seguridade da veciñanza. O Concello implicarase a fondo na prevención para evitar, na medida do posible, que un lume ou un temporal volvan poñer en risco a vida das persoas”.

Coa incorporación deste novo equipo e coa folla de ruta marcada, o Concello de Vilaboa dá un paso firme cara a unha xestión máis eficaz da biomasa e unha maior protección dos seus núcleos de poboación.

 

O ENTROIDO DE COBRES MANTÉN O SEU PROGRAMA ÍNTEGRO MALIA AS PREVISIÓN METEOROLÓXICAS

Madamas e galáns encaran catro días de festa tras semanas de promoción en centros educativos e sociais de Vilaboa e de toda a provincia.

Vilaboa, 13 de febreiro de 2026. -Vilaboa prepárase para vivir desde mañá sábado catro días intensos de celebración co inicio do Entroido de Cobres, unha das citas máis singulares e recoñecidas do entroido galego. Manterase íntegro o calendario de actuacións, malia que o tempo poida condicionar puntualmente os tradicionais bailes polos barrios a carpa instalada en Riomaior dará cabida á festa, coas danzas de madamas de galáns e coas verbenas nocturnas.

 

 

O programa dará comezo mañán sábado co percorrido matinal das Madamas e Galáns, seguido da chegada á carpa e da primeira gran festa nocturna, que abrirá oficialmente unha fin de semana marcada pola música, o baile e a tradición. A gran festa de apertura contará cunha verbena amenizada pola Orquesta Kubo e o trío Tic Tac.

 

Durante esta semana previa ao inicio oficial, Madamas e Galáns atenderon numerosas peticións de centros escolares e sociais, tanto de Vilaboa como doutros concellos da provincia. Desprazáronse ataviados cos seus traxes tradicionais para achegar esta tradición centenaria á cidadanía, espertando curiosidade e fomentando a participación en vivo nun dos entroidos máis emblemáticos de Galicia.

 

Un dos momentos máis emotivos tivo lugar este xoves no Centro Social e de Maiores de Vilaboa (CESMAV), onde tres madamas e un galán compartiron a tarde coas persoas usuarias do centro. A visita evocou lembranzas e emocións entre os asistentes, que reviviron historias ligadas ao Entroido de Cobres.

 

Entre elas destacou María Lino, que acompaña por Ariana Gondar, Alexandra Corredoira e Jacobo Lusquiños, relatou a súa volta ao entroido despois de 28 anos sen bailar. Faino acompañada do seu home e dunha irmá que tamén recupera a tradición tras 13 anos afastada. María amosou con orgullo un sombreiro con máis de 50 anos de historia, elaborado pola súa bisavoa para a súa avoa, unha peza familiar que simboliza a transmisión xeracional deste patrimonio inmaterial.

 

Na visita ao CESMAV, Madamas e Galáns foron recibidos pola concelleira de Servizos Sociais, María Canosa, e polo alcalde, César Poza, e quen destacou a esperanza de que a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional chegue proximamente. Ambos subliñaron que este recoñecemento suporía un paso máis na protección e valorización dunha tradición sostida grazas á implicación e ao cariño da veciñanza, especialmente da parroquia de Cobres.

O Entroido de Cobres inicia así unha nova edición mantendo viva a súa esencia e reafirmando o seu papel como un dos grandes referentes culturais do país.

A HUMANIZACIÓN DA CARRETERA VELLA DE PAREDES BOTA A ANDAR CUN INVESTIMENTO DE 400.000 EUROS

A actuación, que transformará este núcleo de poboación, inclúe a renovación da rede de saneamento e a canalización das augas pluviais.

Vilaboa, 11 de febreiro de 2026. – O Concello de Vilaboa vén de iniciar os traballos dunha das actuacións de humanización máis ambiciosas previstas para este ano 2026, unha intervención que transformará por completo a fisonomía da Carretera Vella de Paredes. Trátase dun investimento de 409.812 euros, financiado integramente con fondos municipais, que supón un esforzo económico notable e unha aposta decidida por mellorar a calidade de vida da veciñanza.

A obra foi adxudicada á empresa Construcciones e C. Casas SL, que dispón dun prazo de cinco meses para completar os traballos. A intervención permitirá converter esta vía nun espazo máis amable, seguro e pensado para as persoas, recuperando un ámbito que durante décadas quedou condicionado polo tráfico e pola falta de infraestruturas axeitadas.

O proxecto contempla a creación dunha plataforma única cun firme asfaltado en quente de 5 metros de ancho, que permitirá a circulación en ambos sentidos. A isto súmase unha zona formigonada en cor ocre destinada ao tránsito peonil, así como beirarrúas a ambos lados da calzada, cun ancho variable entre 1,5 e 3 metros segundo o tramo. Esta configuración permitirá integrar mellor os desprazamentos a pé, reforzar a seguridade e favorecer unha mobilidade máis sostible.

Nestes primeiros días xa comezaron os traballos de retirada do asfaltado antigo, unha fase inicial que dará paso á renovación das canalizacións existentes e á instalación dunha nova rede de pluviais. Trátase dun proceso fundamental para garantir a durabilidade da obra e evitar problemas futuros, apostando por infraestruturas modernas e eficientes.

Con esta actuación, o Concello de Vilaboa dá un paso decisivo na modernización dos seus espazos públicos. A humanización da Carretera Vella de Paredes non só mellorará a accesibilidade e a seguridade, senón que tamén contribuirá a crear un entorno máis agradable, cohesionado e pensado para o día a día da xente que vive e transita pola zona. É unha obra que marcará un antes e un despois, e que responde ao compromiso municipal de avanzar cara a un modelo de vila máis habitable, máis cómoda e máis humana.

O ENTROIDO DE COBRES SORPRENDE CO NOVO BAILE “RIOMAIOR” NA PRESENTACIÓN POR BARRIOS

A choiva presenta o seus respectos ao entroido tradicional máis importante da provincia e permite desfrutar desta tradición fondamente arraigada.

Vilaboa, 8 de febreiro de 2026. -A choiva, coma se tamén quixese render homenaxe ao Entroido de Cobres, respectou a presentación celebrada esta mañán en Santa Marta (Bértola), Figueirido e Postemirón (Vilaboa) e que continuará pola tarde en Paredes e As Salinas. O día abriuse como un agasallo visual para que a veciñanza recibira á comitiva entre sorrisos e esa emoción que só esperta unha tradición tan fondamente arraigada.

 

No percorrido desvelouse a gran novidade desta edición: o baile “Riomaior”, unha peza que nace para honrar o lugar que cada ano acolle a carpa do Entroido e que simboliza, con elegancia e movemento, a forza colectiva desta celebración centenaria. O público, entregado desde o primeiro compás, desfrutou dunha coreografía sorprendente pola súa frescura e pola súa capacidade para dialogar coa tradición sen perder autenticidade.

 

A posta en escena das madamas e dos galáns —auténticos emblemas dun Entroido singular pola ausencia total de máscaras, pola vistosidade dos seus sombreiros e polo colorido exuberante das vestimentasconverteu cada parada nun pequeno espectáculo. Acompañados polo grupo de gaitas Aires de Cobres, que encheu o aire de melodías recoñecibles e vibrantes, o conxunto transformouse nun cadro vivo capaz de emocionar a quen tivo a fortuna de presenciar o momento.

 

Con este bagaxe ás costas, o regreso ás parroquias de Vilaboa converteuse nun acto de celebración e recoñecemento. Este domingo, a comitiva iniciou o seu percorrido ás 11:00 horas na Capela de Santa Marta de Bértola, continuou ás 12:00 horas en Figueirido e ás 13:00 horas no Campo da festa de Postemirón.  Cada parada converteuse nun encontro directo coa xente, un xeito de compartir ilusión, de anunciar que o Entroido xa estaba ás portas e de lembrar que esta tradición segue viva grazas ao compromiso das familias, da agrupación cultural Cobres e de todas as persoas que, ano tras ano, manteñen acesa unha das xoias do patrimonio inmaterial galego.

 

O Entroido de Cobres demostrou, unha vez máis, que non é só un espectáculo visual, senón unha expresión artística e comunitaria que fala de identidade, de memoria e de futuro. E Vilaboa, que xa coñece ben ese latexo, sentiu este domingo a emoción profunda que converte o seu Entroido nun dos máis admirados dentro e fóra de Galicia.

PERSOAL TÉCNICO DO SERGAS CONSTATA HUMIDADES E FILTRACIÓNS NO CENTRO DE SAÚDE DO TOURAL

A inspección, guiada polo alcalde de Vilaboa, responde ao compromiso adquirido polo conselleiro de Sanidade na reunión de xaneiro con César Poza.

Vilaboa, 6 de febreiro de 2026. –

O Concello de Vilaboa reclama unha intervención urxente e integral no centro de saúde do Toural tras a inspección realizada hoxe por persoal técnico da área sanitaria de Pontevedra, acompañado polo alcalde, César Poza. A visita permitiu constatar, unha vez máis, o avanzado estado de deterioro dunha infraestrutura esencial para a veciñanza e que leva 27 anos sen unha actuación de subsanación dunhas deficiencias evidenciadas hai xa anos.

Durante o percorrido polo interior e exterior do edificio, o persoal sanitario detallou aos técnicos as numerosas deficiencias que afectan ao funcionamento diario das consultas. As humidades e filtracións de auga son unha constante en diferentes espazos, con paredes desconchadas, manchas de moho e pasillos nos que as madeiras presentan un inchamento evidente. Esta situación non só deteriora a imaxe do servizo, senón que compromete o confort e a seguridade das persoas usuarias e do propio persoal sanitario.

Accesibilidade deficiente no acceso ao centro

O alcalde trasladou aos técnicos unha das principais demandas do Concello: a mellora urxente dos dous accesos ao centro. No acceso principal, César Poza reclamou a instalación dunha marquesiña pechada que garanta unha entrada segura e accesible, especialmente para persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida. A porta actual non ofrece protección suficiente nos días de chuvia, dificultando a entrada e saída das persoas usuarias.

A entrada traseira presenta un estado igualmente preocupante: o teito acristalado, deteriorado polas filtracións, provoca un acceso en condicións deplorables que require unha reparación inmediata.

Os técnicos do Sergas tomaron nota de todas as deficiencias detectadas e comprometéronse a elaborar o correspondente orzamento para acometer as obras necesarias. O Concello agarda que este compromiso se traduza nunha actuación áxil e efectiva, á altura da gravidade da situación.

A visita de hoxe responde ao compromiso adquirido polo conselleiro de Sanidade nunha reunión mantida co alcalde o 19 de xaneiro en Santiago. Nese encontro, César Poza trasladoulle a urxencia de intervir nunha infraestrutura que, case tres décadas despois da súa inauguración, continúa arrastrando problemas estruturais sen que se lle dera solución.

O Concello de Vilaboa insiste en que a veciñanza merece un centro de saúde digno, seguro e en condicións óptimas para prestar un servizo esencial. O goberno municipal esixe ao Sergas que actúe con responsabilidade e dilixencia para garantir unha atención sanitaria de calidade, acorde co que merece a cidadanía.

O ENTROIDO DE COBRES REGRESA AOS BARRIOS TRAS UN ANO DE PROXECCIÓN INTERNACIONAL

Madamas e Galáns percorrerán este domingo Bértola, Figueirido, Postemirón, Paredes e as Salinas do Ulló como antesala dos catro días grandes de festa.

Vilaboa, 5 de febreiro de 2026. – Vilaboa prepárase para vivir este domingo unha das xornadas máis simbólicas do seu calendario cultural: a presentación polas parroquias do Entroido de Cobres, unha tradición centenaria que cada ano transforma o municipio nun escenario de música, cor e emoción colectiva. A cita chega nun momento especialmente significativo, despois dun 2025 no que madamas e galáns protagonizaron un fito sen precedentes ao cruzar por primeira vez as fronteiras da península ibérica para participar no Festival Identidades de Fonni, en Cerdeña, levando consigo a estética, o simbolismo e a delicadeza dun dos entroidos máis singulares de Galicia. Aquel encontro abriu a porta á internacionalización do Entroido de Cobres e todo apunta a que este 2026 continuará ampliando horizontes.

O ano pasado foi, en realidade, un auténtico percorrido de honra para esta celebración ancestral. As súas danzas, a súa música e a súa posta en escena —únicas no panorama dos entroidos tradicionais— protagonizaron unha intensa axenda de promoción cultural que levou a comitiva a Oropesa del Mar, ao ViboMasck de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, ao Desfile da Máscara Ibérica en Oporto, ao encontro dos Xerais do Ulla en Angrois, á Foliada Eferro en Merza, ao Desfile de Entroidos Tradicionais en Santiago e ao I Encontro de Entroidos do Sur de Pontevedra celebrado en Bueu. Cada unha destas paradas serviu para reafirmar o valor patrimonial dun entroido que non só conserva unha estética refinada e unha coreografía propia, senón que encarna unha identidade colectiva profundamente arraigada na memoria e no sentir da veciñanza. 

Con este bagaxe ás costas, o regreso ás parroquias de Vilaboa convértese nun acto de celebración e recoñecemento. Este domingo, a comitiva iniciará o seu percorrido ás 11:00 horas na Capela de Santa Marta de Bértola, continuará ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Figueirido e ás 13:00 horas no Campo da festa de Postemirón, para retomar pola tarde ás 16:00 horas na Carretera vella de Paredes e culminar ás 17:00 horas nas Salinas do Ulló. Será un encontro directo coa xente, un xeito de compartir ilusión, de anunciar que o Entroido xa está aquí e de lembrar que esta tradición vive grazas ao compromiso das familias, das agrupacións culturais e de todas as persoas que, ano tras ano, manteñen viva unha das xoias do patrimonio inmaterial galego.

O Entroido de Cobres non é só un espectáculo visual; é unha expresión artística e comunitaria que fala de identidade, de memoria e de futuro. E este domingo, Vilaboa volverá sentir ese latexo que o converte nun dos entroidos máis admirados dentro e fóra de Galicia.

O ENTROIDO DE COBRES VOLVERÁ ÁS RÚAS CON CATRO DÍA DE TRADICIÓN, MÚSICA E RITUAIS ÚNICOS

Madamas e Galáns protagonizarán unha edición que reforzará o seu carácter único en Galicia.

Vilaboa, 23 xaneiro de 2026. – A Asociación Cultural Cobres ultimou o programa oficial do Entroido de Cobres 2026, unha das tradicións máis singulares do país e un referente cultural. A celebración, marcada pola elegancia das Madamas e Galáns e por un fondo arraigamento comunitario, desenvolverase entre o 14 e o 17 de febreiro, combinando percorridos tradicionais, música, gastronomía e os rituais máis característicos desta festa centenaria.

A programación abrirase o sábado 14, cando o entroido percorrerá os barrios desde as 10:00 ata as 19:00 horas, momento no que está prevista a chegada á carpa. Pola noite, ás 22:00 horas, terá lugar a Gran Festa de Apertura, que contará coas actuacións da Orquestra Kubo e do Trío Tic Tac, marcando o inicio oficial dunha fin de semana de intensa actividade festiva.

O domingo 15 manterá o esquema tradicional, cun novo percorrido polas parroquias entre as 10:00 e as 19:00 horas e a posterior chegada á carpa. A xornada culminará ás 22:00 horas cunha festa amenizada por Son das Tabernas, que ofrecerá un repertorio pensado para o baile e a participación do público.

O luns 16, coñecido como o Luns de Maghachos, volverá encher as rúas co percorrido matinal e vespertino, que se prolongará ata as 19:00 horas. A partir das 21:30 horas, a carpa converterase no epicentro da celebración cunha noite de música e humor protagonizada pola Orquestra Magos e o Trío La Noche, nunha das citas máis multitudinarias e esperadas do Entroido.

O martes 17, día grande da festa, comezará cun percorrido reducido ata as 13:00 horas, seguido dunha sesión vermú amenizada polo Dúo Los Dinámicos, acompañada de comida popular con polbo, churrasco e outras propostas tradicionais. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, desenvolveranse os rituais máis emblemáticos do Entroido de Cobres, coa participación de Isi da TVG e Marci Varela e coa celebración do Galo no Río, Galo na Vara, Corrida, Predicador e Queima do Galo. A Fanfarria Furruxa acompañará a festa trala Queima, e o DJ Gabryd será o encargado de poñer o broche final a unha edición que promete ser inesquecible.

A organización anima a veciñanza e visitantes a seguir o percorrido e todas as novidades a través das redes sociais oficiais e da web entroidodecobres.com, reforzando así a difusión dunha festa que cada ano atrae a centos de persoas e que continúa a ser un símbolo de identidade, orgullo e tradición para Vilaboa.

 

O COLEXIO DE RIOMAIOR CONVÉRTESE EN ESCENARIO POÉTICO COA PRESENTACIÓN DE “SUEÑOS DE JUVENTUD”

Belén Arosa, autora de Postemirón, compartiu coa comunidade educativa un emotivo acto no que o alumnado protagonizou lecturas do poemario.

Vilaboa, 22 xaneiro de 2026. – O colexio de Riomaior acolleu unha xornada cargada de emoción e poesía coa presentación do libro “Sueños de Juventud”, da escritora local Belén Arosa Herrero. Nun acto que mesturou literatura e pedagoxía, os escolares converteronse en auténticos protagonistas ao dar lectura tanto aos poemas da autora de Postemirón como a creacións propias que evidenciaron a súa capacidade creativa.

A directora do centro, Carmen Negro, foi a encargada de presentar e conducir o acto, no que comezou agradecendo a Belén Arosa a elección do colexio –onde xa estudaron dous dos seus tres fillos– para acoller a presentación desta recopilación poética. Negro explicou que a dirección do centro está a utilizar esta obra como ferramenta educativa para animar á rapazada a empregar a poesía como vía de expresión das súas emocións.

Precisamente, a necesidade de expresar sentimentos foi unha das motivacións que a autora recoñeceu atopar na poesía. “É un xeito de sacar todas as emocións e sentimentos que levo dentro, tanto nos bos como nos malos momentos. Cada poema convértese nun volcado emocional”, sinalou Belén Arosa durante a súa intervención.

Mediante un formato dinámico no que o alumnado prantexou unha batería de preguntas á autora, os asistentes adentráronse un pouco máis na profundidade dunha obra que recolle poemas escritos en diferentes etapas da vida da autora e que encontrou inspiración no seu rico mundo interior pero tamén en autores como Rosalía de Castro, sobre todo nas súas loubanzas á terra.

A escritora estivo arroupada polo alcalde de Vilaboa, César Poza; polas concelleiras Carmen Gallego e María Canosa; pola directora do CRA de Vilaboa, Conchita González, e por toda a súa familia, que lle amosou o seu respaldo neste momento especial.

Carmen Gallego aproveitou a súa felicitación á autora para poñer de relevo “a importancia de que as mulleres de zonas rurais escriban e cumpran os seus soños” e animou “a todas as nenas que teñen vocación a que se atrevan a escribir”.

Pola súa banda, o alcalde César Poza, que tamén deu lectura a un poema, felicitou a Belén Arosa e animouna a seguir neste proceso creativo que a converte en “fonte de inspiración” para a veciñanza. Ademais, dirixiuse ao alumnado presente: “Anímovos a escribir porque tamén vos pode axudar a manifestar as cousas que sentides e axudarvos a medrar e ser mellores persoas”.

O acto supuxo unha xornada de encontro entre a literatura e a educación, demostrando como a poesía pode ser unha ferramenta de crecemento persoal e expresión emocional para todas as idades.

AS SALINAS DE ULLÓ, O ALCOUCE E A HUMANIZACIÓN DE BARCIELA, NO PLAN DE MELLORAS DE VILABOA

O goberno local busca financiamento no Plan +Provincia para tres intervencións que reforzan o patrimonio, o litoral e a mobilidade en puntos clave do municipio.

Vilaboa, 19 xaneiro de 2026. – O Concello de Vilaboa vén de presentar ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra a primeira fase de dous proxectos de grande relevancia para o municipio, xunto coa segunda fase da humanización do barrio de Barciela que precisa dun investimento de 77.000 euros. Con esta proposta, o goberno local continúa avanzando na mellora dos espazos públicos, na recuperación do patrimonio e na creación de contornas máis accesibles e sostibles para a veciñanza.

As actuacións previstas en Barciela teñen como finalidade reforzar a seguridade viaria da zona dentro do proxecto de humanización deste entorno. Para iso, ampliarase a sección da calzada sempre que sexa posible, aproveitando os sobreanchos existentes, e renovarase o firme mediante a aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente de 5 centímetros no vial principal, así como dun pavimento de formigón no vial secundario. Tamén se optimizará a recollida de augas pluviais coa instalación de reixas de drenaxe transversal e medios canos para o drenaxe lonxitudinal. Finalmente, completarase a intervención coa execución da sinalización horizontal e vertical en todo o ámbito da obra e coa instalación de redutores de velocidade tipo “lomo de asno”, reforzando así a seguridade para vehículos e peóns.

Un dos proxectos máis destacados é o acondicionamento do borde litoral das Salinas de Ulló e Paredes, que nas súas tres fases suma un orzamento global de 439.621 euros. A intervención concíbese como unha transformación integral do camiño litoral, que pasará a ser un espazo de clara prioridade peonil e plenamente integrado na súa contorna natural. Para iso prevese a retirada do bordillo actual, que se recolocará na marxe esquerda para ordenar a calzada, así como a eliminación do pavimento de aglomerado, que será substituído por unha plataforma única de adoquíns de granito máis accesible e respectuosa coa paisaxe. A actuación inclúe tamén a renovación completa da varanda existente, que será substituída por un modelo de aceiro galvanizado con barrotes verticais, deseñado para resistir a salinidade e cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e seguridade.

No Paseo do Muíño de Mareas de Ulló, o proxecto contempla igualmente a substitución da varanda deteriorada por un novo elemento de aceiro galvanizado, garantindo unha maior durabilidade e unha mellor integración estética nun dos espazos máis visitados do municipio. Pola súa banda, na Pista da Cerca prevese unha mellora diferenciada segundo o uso de cada tramo. No primeiro, renovarase a superficie mediante xabre estabilizado. No segundo tramo, onde o tráfico é máis intenso debido ao acceso a vivendas e ao embarcadoiro, substituirase o aglomerado por un pavimento de formigón con acabado desactivado en cor ocre, máis acorde coa paisaxe litoral.

O proxecto estrutúrase en tres fases independentes, cada unha delas considerada unha obra completa segundo a Lei 9/2017 de contratos do sector público. A primeira fase, para a que solicitou financiación a través do Plan +Provincia,  abrangue a metade inicial da intervención no camiño das Salinas de Ulló.

Xunto a este proxecto, o Concello tamén presenta ao Plan +Provincia a primeira fase da humanización do núcleo tradicional do Alcouce, unha intervención na que o goberno local traballa desde 2024 e que supón un investimento global que supera os 457.909 euros. Trátase dunha actuación orientada á recuperación dun espazo de alto valor patrimonial, coa mellora da mobilidade peonil, da calidade urbana e da identidade histórica dun dos núcleos máis singulares de Vilaboa.

Co conxunto destas propostas, Vilaboa reafirma o seu compromiso coa mellora continua dos espazos públicos, a posta en valor do patrimonio natural e cultural e a creación de contornas máis accesibles, seguras e sostibles para toda a cidadanía.

 

O COLEXIO DE RIOMAIOR CONVÉRTESE EN ESCENARIO POÉTICO COA PRESENTACIÓN DE “SUEÑOS DE JUVENTUD”

Belén Arosa, autora de Postemirón, compartiu coa comunidade educativa un emotivo acto no que o alumnado protagonizou lecturas do poemario.

Vilaboa, 22 xaneiro de 2026. – O colexio de Riomaior acolleu unha xornada cargada de emoción e poesía coa presentación do libro “Sueños de Juventud”, da escritora local Belén Arosa Herrero. Nun acto que mesturou literatura e pedagoxía, os escolares converteronse en auténticos protagonistas ao dar lectura tanto aos poemas da autora de Postemirón como a creacións propias que evidenciaron a súa capacidade creativa.

A directora do centro, Carmen Negro, foi a encargada de presentar e conducir o acto, no que comezou agradecendo a Belén Arosa a elección do colexio –onde xa estudaron dous dos seus tres fillos– para acoller a presentación desta recopilación poética. Negro explicou que a dirección do centro está a utilizar esta obra como ferramenta educativa para animar á rapazada a empregar a poesía como vía de expresión das súas emocións.

Precisamente, a necesidade de expresar sentimentos foi unha das motivacións que a autora recoñeceu atopar na poesía. “É un xeito de sacar todas as emocións e sentimentos que levo dentro, tanto nos bos como nos malos momentos. Cada poema convértese nun volcado emocional”, sinalou Belén Arosa durante a súa intervención.

Mediante un formato dinámico no que o alumnado prantexou unha batería de preguntas á autora, os asistentes adentráronse un pouco máis na profundidade dunha obra que recolle poemas escritos en diferentes etapas da vida da autora e que encontrou inspiración no seu rico mundo interior pero tamén en autores como Rosalía de Castro, sobre todo nas súas loubanzas á terra.

A escritora estivo arroupada polo alcalde de Vilaboa, César Poza; polas concelleiras Carmen Gallego e María Canosa; pola directora do CRA de Vilaboa, Conchita González, e por toda a súa familia, que lle amosou o seu respaldo neste momento especial.

Carmen Gallego aproveitou a súa felicitación á autora para poñer de relevo “a importancia de que as mulleres de zonas rurais escriban e cumpran os seus soños” e animou “a todas as nenas que teñen vocación a que se atrevan a escribir”.

Pola súa banda, o alcalde César Poza, que tamén deu lectura a un poema, felicitou a Belén Arosa e animouna a seguir neste proceso creativo que a converte en “fonte de inspiración” para a veciñanza. Ademais, dirixiuse ao alumnado presente: “Anímovos a escribir porque tamén vos pode axudar a manifestar as cousas que sentides e axudarvos a medrar e ser mellores persoas”.

O acto supuxo unha xornada de encontro entre a literatura e a educación, demostrando como a poesía pode ser unha ferramenta de crecemento persoal e expresión emocional para todas as idades.

AS SALINAS DE ULLÓ, O ALCOUCE E A HUMANIZACIÓN DE BARCIELA, NO PLAN DE MELLORAS DE VILABOA

O goberno local busca financiamento no Plan +Provincia para tres intervencións que reforzan o patrimonio, o litoral e a mobilidade en puntos clave do municipio.

Vilaboa, 19 xaneiro de 2026. – O Concello de Vilaboa vén de presentar ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra a primeira fase de dous proxectos de grande relevancia para o municipio, xunto coa segunda fase da humanización do barrio de Barciela que precisa dun investimento de 77.000 euros. Con esta proposta, o goberno local continúa avanzando na mellora dos espazos públicos, na recuperación do patrimonio e na creación de contornas máis accesibles e sostibles para a veciñanza.

As actuacións previstas en Barciela teñen como finalidade reforzar a seguridade viaria da zona dentro do proxecto de humanización deste entorno. Para iso, ampliarase a sección da calzada sempre que sexa posible, aproveitando os sobreanchos existentes, e renovarase o firme mediante a aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente de 5 centímetros no vial principal, así como dun pavimento de formigón no vial secundario. Tamén se optimizará a recollida de augas pluviais coa instalación de reixas de drenaxe transversal e medios canos para o drenaxe lonxitudinal. Finalmente, completarase a intervención coa execución da sinalización horizontal e vertical en todo o ámbito da obra e coa instalación de redutores de velocidade tipo “lomo de asno”, reforzando así a seguridade para vehículos e peóns.

Un dos proxectos máis destacados é o acondicionamento do borde litoral das Salinas de Ulló e Paredes, que nas súas tres fases suma un orzamento global de 439.621 euros. A intervención concíbese como unha transformación integral do camiño litoral, que pasará a ser un espazo de clara prioridade peonil e plenamente integrado na súa contorna natural. Para iso prevese a retirada do bordillo actual, que se recolocará na marxe esquerda para ordenar a calzada, así como a eliminación do pavimento de aglomerado, que será substituído por unha plataforma única de adoquíns de granito máis accesible e respectuosa coa paisaxe. A actuación inclúe tamén a renovación completa da varanda existente, que será substituída por un modelo de aceiro galvanizado con barrotes verticais, deseñado para resistir a salinidade e cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e seguridade.

No Paseo do Muíño de Mareas de Ulló, o proxecto contempla igualmente a substitución da varanda deteriorada por un novo elemento de aceiro galvanizado, garantindo unha maior durabilidade e unha mellor integración estética nun dos espazos máis visitados do municipio. Pola súa banda, na Pista da Cerca prevese unha mellora diferenciada segundo o uso de cada tramo. No primeiro, renovarase a superficie mediante xabre estabilizado. No segundo tramo, onde o tráfico é máis intenso debido ao acceso a vivendas e ao embarcadoiro, substituirase o aglomerado por un pavimento de formigón con acabado desactivado en cor ocre, máis acorde coa paisaxe litoral.

O proxecto estrutúrase en tres fases independentes, cada unha delas considerada unha obra completa segundo a Lei 9/2017 de contratos do sector público. A primeira fase, para a que solicitou financiación a través do Plan +Provincia,  abrangue a metade inicial da intervención no camiño das Salinas de Ulló.

Xunto a este proxecto, o Concello tamén presenta ao Plan +Provincia a primeira fase da humanización do núcleo tradicional do Alcouce, unha intervención na que o goberno local traballa desde 2024 e que supón un investimento global que supera os 457.909 euros. Trátase dunha actuación orientada á recuperación dun espazo de alto valor patrimonial, coa mellora da mobilidade peonil, da calidade urbana e da identidade histórica dun dos núcleos máis singulares de Vilaboa.

Co conxunto destas propostas, Vilaboa reafirma o seu compromiso coa mellora continua dos espazos públicos, a posta en valor do patrimonio natural e cultural e a creación de contornas máis accesibles, seguras e sostibles para toda a cidadanía.

 

VILABOA IMPULSA UNHA PISTA DE PÁDEL PANORÁMICA E CUBERTA NO ENTORNO DO PAVILLÓN MUNICIPAL

A nova infraestrutura permitirá recuperar un espazo degradado e ampliar a oferta deportiva municipal.

Vilaboa, 16 xaneiro de 2026. – O Concello de Vilaboa redactou o proxecto para a contrucción dunha pista de pádel panorámica e cuberta que permitirá recuperar un espazo actualmente deteriorado e infrautilizado situado nun lateral do pavillón municipal. A actuación presentarase ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, ao abeiro do cal se redactou o proxecto técnico.

A zona na que se intervirá funciona hoxe como aparcadoiro ocasional e presenta un acusado desgaste. A obra permitirá transformar este ámbito nun equipamento deportivo moderno, accesible e preparado para o uso continuado durante todo o ano. O proxecto contempla a preparación completa do terreo, a execución dunha solera de formigón e a instalación dunha pista de pádel de vinte por dez metros con peche de vidro temperado, estrutura metálica, iluminación e pavimento de céspede artificial. Inclúe tamén a construción dunha cuberta metálica de aceiro laminado, con perfís estruturais dimensionados para garantir estabilidade e durabilidade, así como a colocación de paneis curvados, canalóns, baixantes e elementos de reforzo.

A actuación abrangue ademais a mellora do entorno inmediato, coa adaptación das rasantes, a creación dunha beirarrúa de formigón e a reorganización das prazas de aparcamento. A instalación contará cun sistema automatizado de reservas, control de accesos e iluminación, co obxectivo de facilitar o uso da pista e optimizar o seu funcionamento.

O investimento total ascende a 213.299,41 euros, que inclúen o orzamento de execución material, o presuposto de execución por contrata e os honorarios de redacción, dirección de obra e coordinación en materia preventiva. O Concello encargou un estudio xeotécnico previo que recomendou o reforzo da cimentación, a adopción de medidas de drenaxe e o reforzo da cuberta, o que encarece a execución do proxecto mais garante  o bo uso da futura instalación. O Concello  destaca que esta infraestrutura permitirá ampliar a oferta deportiva municipal, responder á demanda crecente da veciñanza e reforzar a aposta por espazos públicos que fomenten hábitos saudables e a convivencia.

Coa posta en marcha desta actuación, Vilaboa continúa avanzando na mellora das súas instalacións deportivas e na recuperación de espazos públicos para o uso cidadán, consolidando un modelo de municipio activo e comprometido co benestar da súa veciñanza.

VILABOA EXPLORA CO MINISTERIO DE MEDIO AMBIENTE SOLUCIÓNS AOS NÚCLEOS COSTEIROS

 O desbloqueo da situación actual pasa polo respaldo da Xunta de Galicia.

Vilaboa, 7 xaneiro de 2026. – O alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, mantiveron hoxe mércores en Madrid unha reunión co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para explorar vías de solución á situación dos núcleos costeiros do municipio afectados pola aplicación da Lei de Costas.

 A xuntanza enmárcase nas numerosas xestións realizadas polo goberno local nos últimos tempos, tanto a nivel municipal como autonómico, que permitiron poñer enriba da mesa varias opcións técnicas e administrativas que poderían contribuír a desbloquear a situación actual.

Porén, todas estas alternativas requiren do respaldo da Xunta de Galicia para poder avanzar con garantías. Por este motivo, o Concello solicitará unha nova reunión coa directora xeral de Urbanismo da Xunta, co obxectivo de replantexar a situación e reforzar a cooperación entre administracións.

O goberno municipal reafirma o seu compromiso de seguir traballando con diálogo, rigor e lealdade institucional para acadar unha solución definitiva para o litoral de Vilaboa e garantir a seguridade xurídica da veciñanza.

VECIÑOS DE FIGUEIRIDO PIDEN A PAPA NOEL A VOLTA DA ESPECIALISTA EN AUDICIÓN AO COLE DO TOURAL

A ANPA reclamou en outubro o reversión dos recortes aplicados ao centro.

Vilaboa, 25 decembro de 2025. –Papá Noel percorreu na tarde de onte as parroquias de Vilaboa e a súa parada en Figueirido converteuse nun momento perfecto para que a Asociación de Veciños de Figueirido e a ANPA do CEIP do Toural lle fixeran chegar unha petición moi especial: a recuperación da especialista de Audición e Linguaxe a tempo completo para o centro educativo; unha reivindicación que contou co apoio do alcalde de Vilaboa, César Poza.

A comunidade escolar leva desde outubro advertindo de que, tras os recortes aplicados, a atención especializada quedou reducida aos casos máis graves, deixando sen cobertura a numerosos nenos e nenas con dificultades de linguaxe que ata agora recibían apoio profesional. Esta situación está a obrigar a moitas familias a recorrer a servizos privados de logopedia, cun custo económico inasumible para numerosos fogares e cun impacto directo no incremento das desigualdades educativas. A ANPA leva semanas amosando a súa preocupación e reclamando unha solución inmediata.

A veciñanza de Figueirido non perde a esperanza e confía na “mediación” de Papá Noel. Lembran que o ano pasado xa aproveitaron a súa visita para amosarlle o potencial das antigas vías do ferrocarril, chamadas a formar parte da futura Vía Verde proxectada polo ADIF. Aquel percorrido en vagoneta, cargado de ilusión, precedeu un ano no que o proxecto —paralizado durante máis dunha década— experimentou un avance inesperado e case máxico. En Vilaboa agárdase agora que a historia se repita.

Durante o seu percorrido por Santa Cristina e Cabadachán, Papá Noel viviu tamén un momento especialmente divertido na Carretera Vella, en Paredes, onde o Grinch fixo acto de presenza para, finalmente, sumarse ao reparto de caramelos e á festa da veciñanza.

ONCE PROPOSTAS ARTESANAIS E GOURMET DAN VIDA AO MERCADIÑO DE NADAL EN FIGUEIRIDO

O Concello convida a toda a contorna a achegarse aos stands e agasallar este Nadal con artigos que transmitan talento, creatividade e calidade.

Vilaboa, 22 decembro de 2025. – Regalar un sabor de Galicia ou unha xoia feita a man que evoca a delicadeza da camelia convértese este Nadal nunha opción diferenciadora, con personalidade e arraigada na identidade local. Xunto a estas propostas, o Mercadiño ofrece tamén opcións para a ambientación do fogar, artigos útiles para o día a día, pequenas prendas de vestir e mesmo propostas literarias, configurando un abano de posibilidades que permiten atopar o detalle perfecto para cada persoa. En todos os casos, trátase de agasallos que regalan talento e creatividade, apoiando a uns artesáns que basean na calidade, o coidado polo detalle e a diferenciación a súa loita diaria fronte ao produto estandarizado e ás importacións sen valor de elaboración.

A carpa instalada en Figueirido acolle desde o venres o V Mercadiño de Nadal, unha cita xa consolidada no calendario de Nadal de Vilaboa que reúne público arredor dos seus postos artesáns e do tradicional chocolate quente que serve a Asociación de Veciños. A iniciativa, organizada polo Concello de Vilaboa, busca dar visibilidade ao traballo creativo e artesanal de emprendedores e emprendedoras do municipio, así como promover a compra de agasallos de proximidade.

Nesta edición participan 11 propostas locais, distribuídas nas seis casetas de madeira instaladas polo Concello e agrupadas por tipoloxías para facilitar a visita e a elección de produtos.

Entre os expositores destacan ERRE3 – Laura Filgueira, que ofrece produtos gravados en madeira, caixas personalizadas, chaveiros, decoración e artigos de segunda man; e Obradoiro Hedras – Pilar Blanco, especializada en xoiería artesanal elaborada peza a peza, con pendentes, colares, aneis e pulseiras únicas.

A oferta gastronómica chega da man de Alcrique, que pon á venda produtos galegos gourmet e artesáns como marmeladas, queixos, patés, mel, licores e lotes especiais para agasallo. Na mesma caseta participan tamén Teresa Míguez, con xoias, chaveiros personalizados e figuras impresas en 3D, e Uxía Pintos, que achega obxectos decorativos de xeso, adornos de Nadal e velas artesanais aromáticas.
Por primeira vez incorpórase ao Mercadiño Celia Amoedo Rodríguez, que comparte espazo con ERRE3 e presenta decoración de Nadal feita á man, incluíndo coroas, centros e pequenos detalles para o fogar. Completan a oferta Alba Expósito, Guadalupe López e Natalia González, con artesanía variada: pezas de ganchillo, bonecos, decoración navideña, manualidades e detalles personalizados.

A Asociación de Veciños de Figueirido mantén ademais un posto propio no que se serve chocolate quente, un dos atractivos máis concorridos destas datas.

Unha das casetas está destinada á recadación para a excursión de fin de curso do alumnado dos colexios de Toural e Riomaior, que ofrecen artigos elaborados polas familias e polo propio alumnado.

O Mercadiño permanecerá aberto ata o 6 de xaneiro, en horario de tarde ata as 21.00 horas entre semana e con ampliación de horario nas xornadas de maior afluencia.