HISTORIA
Hai asentamentos dende tempos moi remotos que deixaron abundantes vestixios megalíticos na zoa da Lagoa de Catiñeiras.
Ao redor da lagoa sitúase un dos parques forestais máis antigos de Galicia, o Parque da Natureza Lagoa de Castiñeiras, situado en montes comunais e xestionado pola Xunta de Galicia. Está rodeado dunha masa forestal creada a partir de mediados do século pasado pero que probablemente teña a súa orixe nas primeiras plantacións do plan de reforestación da provincia de Pontevedra, iniciadas no ano 1927. Actualmente o parque conta cunhas 70 ha de superficie repoboadas con castiñeiros, bidueiros, carballo americano e outras especies exóticas.
Dentro do parque atópase unha caseta de información e a Aula de Natureza de Coto Redondo, ambas as dúas xestionadas pola cooperativa Teixugo. No parque atópase un campo de varios enterramentos prehistóricos datados no Neolítico (cistas e mámoas), entre as que destaca a monumental Mámoa do Rei.
O conxunto megalítico da Chan de Castiñeiras é un dos campos de mámoas máis importantes de Galicia.
De entre todos os enterramentos –a maior parte deles colectivos– destaca o coñecido como Mámoa do Rei, unha estrutura tipo dolmen (mesa grande de pedra en lingua bretoa) que destaca polas súas enormes dimensións. Trátase dunha cámara poligonal e corredor de acceso, con tres tramos perfectamente diferenciados. Foi restaurado e reconstruído no ano 2003.
Poucos metros ao Norte da Mámoa do Rei atopamos unha cista funeraria de planta trapezoidal realizada con grandes lousas de pedra de gran. Foi excavada polo arqueólogo Sobrino Lorenzo Ruza a mediados do século pasado. As dimensións do túmulo son de algo máis de dous metros de longo, 1 m de largura e 0,70 de fondo. Non conserva a tampa.
A mámoa nº 3 forma parte da mesma necrópole neolítica. Foi espoliada, tal e como evidencia a ausencia de pedra de cobertura e da maioría dos ortostatos, nome que reciben os esteos verticais que conforman a cámara mortuoria.
A mámoa nº 4 que conserva todos os esteos da cámara funeraria. Perdeu a tumulación de terra que a cubría, así como a pedra de cobertura a causa da actividade dos furtivos.
Por último, a mámoa nº 5 desta necrópole conserva un único esteo ou ortostato da cámara funeraria orixinal. Localízase deitado dentro do cono de violación, a cavidade en forma de cráter que ocupa o centro do monumento.
>> O castro máis popular e coñecido da localidade é o de “Monte da Croa” (no lugar de Acuña), que conta con murallas e no que apareceron numerosos utensilios de uso caseiro.
>> Da época romana quedan vestixios da IV Vía Militar de Braga a Santiago, que se desviaba pola costa cara á península do Morrazo e atravesaba Bértola e Figueirido
>> Durante o medievo o seu territorio estivo atravesado polo Camiño Portugués: Quedán desta época: a Igrexa Románica de Vilaboa (Moi modificada) e a cimentación do Castelo de Santo Adrián de Cobres.
> Castelo de Ubeiras
Situado no lugar do “Castillo”, é de estilo medieval, a data da sua construcción nos séculos XIV e XV.
Do Castelo de Ubeiras hoxe só se conservan os cimentos e parte dos muros, froito da súa destrución a mans da armada anglo-holandesa na batalla de Rande de 1702.
>> Na época moderna (século XVIII), explotáronse as Salinas do Ulló. Estas salinas comezaron a ser explotadas polo Colexio dos Xesuítas de Pontevedra en 1694 e acadaron grande importancia nos seguintes anos. A finais do século XIX, neste mesmo lugar, construíuse un dos poucos muíños de mareas existentes en Galica, cun funcionamento que se baseaba no aproveitamento do movemento das correntes do fondo da ría para xerar forza hidráulica.
Hoxe só queda deste muíño unha pequena mostra que sinala a súa situación e os restos das antigas casas que pertencían ás persoas que levaban a cabo esta labor.
No medio do bosque próximo, tamén se conservan en pé os restos do que antano fora a Granxa das Salinas, habitación principal dos moradores. Este edificio, ademais da distribución convencional (habitacións, cociña, lareira, forno…) tamén conserva os restos dunha singular capela disposta no centro do inmoble, mais o elemento máis relevante é sen dúbida a súa monumental lareira e cambota, toda ela labrada en perpiaño granítico de primeira calidade. Xunto a este edificio, outra casa de dous corpos que serviu de morada aos caseiros da finca
>> O suceso histórico máis relevante ven da man da Batalla Naval de Rande, no ano 1702. (Despregue o recadro)
Batalla Naval de Rande
En 1702, as nosas costas foron escenario dun dos máis cruentos combates navais que lembra a Historia de Europa. Por aquel entón, o continente debatíase nun conflicto de grandes dimensións, no que estaba en xogo a sucesión á Coroa de España.
A posibilidade de que Felipe de Anjou, neto do Rei Sol, accedese ó trono español, provocou a enérxica reacción das demais potencias, temerosas de ver unidos o poderío militar e económico francés co inmenso potencial do Imperio colonial español. O 11 de xuño deste mesmo ano zarpaba de La Habana, rumbo a Cádiz, a Frota de Indias: 19 galeóns españois, escoltados por 22 navíos franceses, transportaban o máis valioso cargamento que xamais cruzara o Atlántico. Pero mediada a travesía, descubriron que unha poderosísima escuadra anglo-holandesa os estaba agardando no Cabo San Vicente. Así que o almirante Manuel de Velasco, seguindo os consellos dun piloto galego, puxo rumbo á ría de Vigo, na que entraron o 22 de setembro. O comboi buscou refuxio na Enseada de San Simón, comezando inmediatamente os preparativos para a defensa: o paso de Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e pequenas embarcacións, á vez que se reclutaban apresuradamente milicias para reforza-los dous pequenos fortes existentes a cada lado do estreito. Paralelamente, 1.200 carros do país foron requisados para transporta-las mercadorías a Madrid.
Un mes foi exactamente o tempo que tardou Rooke en descubri-lo paradoiro da Frota da Prata, e o 22 de outubro entraba na ría a escuadra máis grande que por aquí se tivese visto. O primeiro cometido dos anglo-holandeses era toma-los castelos de Rande e Corveiro, o que lograron o día seguinte sen grandes dificultades. Entón, comezou a gran batalla. A artillería francesa conseguíu conter ó adversario nos primeiros embites. Así foi ata que o “Torbay”, buque insignia británico, e armado con picos, logrou rompe-la barreira que impedía o paso do estreito. A frota rival puido xa penetrar no fondo da ría, onde a falla de espacio para as manobras non deixou outro recurso que a abordaxe. A encarnizada loita corpo a corpo combinouse co uso de numerosos materiais incendiarios, provocando un espectáculo dantesco e arrepiante. A diferencia numérica entre unha escuadra e outra era moi grande, e aínda que os franceses se bateron valerosamente, a derrota fíxose inevitable. Foi entón cando o comandante da frota mercante española, que carecía de medios de defensa, ordenou afundi-los buques para evitar que caísen en mans inimigas. Moito se ten especulado sobre a posibilidade de que os galeóns españois se fosen a pique cargados de incontables riquezas, cimentando así a lenda do “Tesouro de Rande”.
Ata o día de hoxe, foron numerosas as expedicións que o buscaron. É probable que a parte máis valiosa do cargamento tivese partido xa cara a Meseta, durante o longo mes que estivo a frota na ría. Sen embargo, non se pode descartar que unha parte importante permanecese aínda nas adegas das naves. Iso parecen indicar os catro millóns de pesos que levou o inimigo, e que xunto cos sete buques de guerra capturados e seis galeóns, constituíron un considerable botín.
O que si está fóra de toda dúbida é que a batalla de Rande foi unha carnicería. Do bando franco-español caíron 2.000 homes, mentres que os mortos ingleses e holandeses foron uns 800. Tamén está claro que foi un desastre para os derrotados. Os franceses perderon os seus mellores buques de guerra, e os españois quedáronse sen barcos para face-la carreira de Indias. E mentres o noso país procurou esquecer axiña tan amarga derrota (ó que contribuíu non pouco o relativo éxito no balance total da guerra, que permitíu a consolidación dos borbóns no trono), a victoria de Inglaterra e Holanda acadou enorme difusión en toda Europa, e foi celebrada durante longo tempo. A “Rúa de Vigo”, en pleno centro londinense, segue a lembrar ós británicos a gran trascendencia que este feito de armas tivo, ó igual que Xulio Verne inmortalizou os tesouros de Rande na súa novela “20.000 leguas de viaxe submariña.
>> Durante o Antigo Réxime o seu territorio de Vilaboa pertencía a xurisdición de Pontevedra, señorio do arzebispado de Santiago de Compostela.
En 1821 naceron os concellos de Cobres e Vilaboa, fusionados a partir de 1835.
>>A destacar as movilizacions do Pobo de Vilaboa en “tempos recentes“, (Despregue o recadro).