O CAMIÑO DE SANTIAGO POR VILABOA
Ao seu paso por Vilaboa, o camiño atravesa as parroquias vilaboesas de Figueirido e Bértola, procedente de Ponte Sampaio. Despois de facer unha parada ante a capela de Santa Marta (construída no ano 1617), o peregrino proseguirá camiño en dirección a Pontevedra.
Tramo de 3, 5 Km, que empeza no límite co termo municipal de Pontevedra (Canicouva) ,+42° 22′ 8.66″, -8° 37′ 28.08″ ), e remata no límite de Bértola co concello de de Pontevedra 42° 23′ 41.87″, -8° 37′ 44.65.
Capela de Santa Marta
Estamos diante dun humilde templo localizado ao pé do Camiño de Santiago. A ermida carece de calquera caste de atributo ornamental que favoreza a súa singularización entre o casarío circundante. O mesmo acontece coa tipoloxía arquitectónica elixida para a súa construción, un deseño netamente civil e de carácter residencial que unicamente denuncia a súa peculiaridade en dous dos seus elementos: a porta de acceso e a inexistencia de ocos de iluminación.
O único van de acceso localízase na fachada, lugar onde reclama a nosa atención un arco de medio punto de pouco máis de un metro de luz, constituído por varias pezas de tamaño desigual onde os salmeres dobran o tamaño das doelas. A inexistencia doutro tipo de ocos distintos deste que protagoniza a porta da ermida pon de manifesto o concepto conciso e sinxelo desta humilde construción popular, datable no ano 1617, tal como proba a inscrición que acolle no seu frontis.
Cruceiro de Santa Marta
O cruceiro é unha obra realizada polo Santeiro de Bértola –Eladio Martínez– no ano 1997. Labrado en pedra de granito, e dotado cun acabado moi orixinal, o seu remate concédelle a este singular elemento da arquitectura tradicional galega unha prestancia estética moi singular.
O seu varal arrinca dunha sección cuadrangular para achafranar progresivamente as súas arestas ata se transformar nunha columna circular. No terzo superior deste elemento o santeiro empraza unha imaxe cuasi-exenta da Santa Columba –patroa da parroquia–, erguida sobre un pedestal. precedido dun capitel profusamente labrado de tendencia papiriforme, o Cristo aparece cravado nunha cruz martirial. De expresión indolente, a figura do Fillo de Deus amosa notables desproporcións que desvirtúan unha representación, en liñas xerais, habilmente traballada, sobre todo no que respecta á minuciosidade dos detalles da súa anatomía (véxase o seu abdome, o pano púdico ou a coroa de espiños).
O mesmo cabe dicir da figura de Sta Columba, onde a complexidade dos pregues que articulan a súa vestimenta revélanse como o elemento máis notable dos tratados.