A Asociación Cultural Cobres adica a xornada a recoñecer a implicación de madamas, galáns, músicos e colaboradores para manter viva unha tradición milenaria.
Vilaboa, 27 de marzo 2025.-
A Asociación Cultural Cobres celebra este sábado día 29 a Morada unha xornada para desfrute tanto de madamas e galáns como das moitas persoas colaboradoras do Entroido de Cobres e que porá o broche de ouro a unha edición marcada pola ilusión de preservar unha festa tradicional con varios séculos de bagaxe. A Morada comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú previa á comida que se servirá na carpa instalada en Riomaior. Haberá inchables e animación musical para prolongar a festa durante toda a tarde.
Madamas e Galáns, bailaríns e músicos serían incapaces de calcular as horas de ensaio que destinan ao logo do ano a prepararse para que o Entroido de Cobres se manteña fiel a unha tradición que ten a súa orixe no século XVII. Algúns dos integrantes desta voluminosa comitiva acumulan anos de experiencia que, sen embargo, non evitan que as catro xornadas de Entroido que os manteñen literalmente en pé durante máis de 8 horas diarias os sitúen ao borde do agotamento físico.
Na asociación cultural Cobres coñecen en profundidade esa faceta de entrega e implicación, de renuncia e de sacrificio, e tamén de responsabilidade que supón asumir o rol de madama ou de galán e que, entre outros moitos sacrificios, implica vivir o entroido como protagonista.
Por eso cada ano a asociación cultural Cobres organiza a Morada, unha cita para a familia do Entroido; unha festa pensada para compensar a madamas, galáns e músicos que durante toda a xornada reciben o agarimo de toda a cidadanía a través dunha comida de confraternidade.
Este sábado día 29 a Morada desenvolverase cumprindo coa tradición. Martín Duarte, presidente da asociación, recoñece que é “o único día no que desfrutamos da festa. O resto do ano temos reunións semanais, ensaios, planificación dos eventos e saídas ás que levamos o Entroido de Cobres”.
Este formato actual baixo carpa e con catering toma o relevo dunha tradición que desde hai séculos reunía pasado o entroido a madamas, galáns e músicos. Lidia Peleteiro, directiva da asociación cultural Cobres, lembra que a Morada “facíase orixinalmente cos alimentos que as familias entregaban ao Entroido cando ían pedir”. Asegura que incluso “había quen cedía unha vaca para facer estas comidas”. Daquela só asistían ao xantar quenes ían bailar ou tocar. Co paso dos anos a organización optou por contratar un cociñeiro que se encargara dos fogóns mentras que as familias de galáns e madamas facían as veces de auxiliares para que os protagonistas do Entroido gozaran do día. “Agora a Morada está aberta ás familias e á veciñanza que dalgún xeito colabora na conservación desta festa que é un sinal de identidade para Vilaboa e especialmente para Cobres; a laboriosa elaboración dos gorros, a indumentaria de cada madama e de cada galán, os complementos pero tamén os traslados e os gastos que supón manter a actividade que desenvolvemos todo o ano sería impensable sen a implicación e as renuncias das familias”.